Novas da Marea

Rede Lema Xiao

A Rede amosa o seu apoio unánime a Xiao Varela e Alberto Lema

Os dous concelleiros sinalados pola oposición como responsables do concurso de vivenda social puxeron o seu cargo a disposición da asemblea e foron referendados por todas as persoas asistentes

Existiron erros humanos que levaron á nulidade da compra de varias vivendas, pero non hai nin haberá un só indicio de discrecionalidade ou desviación de poder

 

A Rede da Marea Atlántica expresou onte o seu total apoio aos concelleiros de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, e Economía Social e Emprego, Alberto Lema, diante da polémica xurdida pola nulidade de varias das vivendas adquiridas no concurso municipal de vivenda para fins sociais. En cumprimento do Código Ético dos cargos electos, ambos os dous puxeron o seu cargo a disposición da asemblea, e foron referendados por unanimidade.

Varela e Lema renderon contas ante a Rede, como xa fixo o primeiro diante dos medios de comunicación e a oposición, e explicaron ao detalle a iniciativa do concurso público, os erros humanos que se produciron na valoración das vivendas, e os pasos que está a dar o goberno municipal para asumilos e corrixilos, instando ao Consultivo a chegar até o final.

Os ditames do Consello Consultivo, que son públicos (1) (2), non apuntan un só indicio de prevaricación, desviación de poder, discrecionalidade, amiguismo ou calquera outra das acusacións que o PP fai tan alegremente. Son termos que lles resultan familiares por aparecer a miúdo nos sumarios xudiciais relacionados co seu partido, pero que neste caso só se atopa na propaganda. Nin Xiao Varela nin Alberto Lema interviron de ningún xeito no proceso técnico e independente.

Traballo honesto do persoal funcionario

O propio persoal funcionario encargado da valoración dos pisos emitiu no seu día un comunicado defendendo o seu traballo e negando que existiran inxerencias políticas. Un xesto tan honesto como pouco habitual. Cómpre agradecer o esforzo que dedicaron a sacar adiante unha política de vivenda innovadora neste Concello.

Equivócase quen fai cousas. Outros, cando gobernan, están cómodos cos alugueiros abusivos e a especulación. O goberno da Marea Atlántica quixo crear unha política pública para aumentar o escaso parque municipal de pisos —uns 400, menos do 1% dos que existen na cidade— e dedicalos a fins sociais. Fíxose con erros, que non poden repetirse, pero cunha intención que si paga a pena conservar.

Have your say