Deputación

photo_2016-10-28_13-44-29

Apoio á plantilla de Extel no Pleno da Deputación da Coruña

As deputadas da Marea Atlántica amosaron a súa solidariedade coas traballadoras do 1004 de Movistar, ameazadas por un ERE que botará a rúa a 205 persoas

No plenario tamén se aprobaron dúas mocións conxuntas da Marea Atlántica e Compostela Aberta, contra o vertedoiro industrial en Lousame e pola derrogación da LOMCE e as reválidas en Educación

As deputadas da Marea Atlántica amosaron hoxe a súa solidariedade coa plantilla de Extel na Coruña. Por iniciativa da plataforma cidadá, todos os grupos do pleno consensuaron unha declaración en apoio ao cadro de persoal desta compañía de telemarketing, ameazado por un ERE que pretende executar 205 despidos na cidade da Coruña, dun total de 355 en todo o Estado.

Extel, que traballa en exclusiva para Movistar, no servizo 1004 de atención ao cliente, é unha con beneficios e carga de traballo, que pode levar adiante esta inxusta medida grazas á reforma laboral do Partido Popular, a costa de empeorar as condicións do emprego nun sector xa moi precarizado.

Non ao vertedoiro de Lousame

No pleno tamén se aprobou, por unanimidade, unha moción conxunta da Marea Atlántica e Compostela Aberta contra a apertura dun vertedoiro de residuos industriais en Lousame, un proxecto danaría seriamente os intereses sociais, económicos e ambientais deste concello, das aldeas da contorna inmediata e da comarca.

Deste xeito, a Deputación Provincial acordou rexeitar o proxecto “por carecer de garantías ambientais e non atender ás necesidades reais de Galicia” e a ofrecer axuda para facer un estudo sobre o impacto que o vertedoiro podería causar nas augas do río Vilaboa, entre outras medidas “para unha mellor defensa dos intereses dos concellos afectados”: Lousame, Rois, Noia e Brión.

Nin reválidas, nin LOMCE

Doutra banda, as plataformas cidadás da Coruña e Compostela tamén presentaron unha segunda moción conxunta, que foi aprobada coa abstención do PP e na que se insta á Xunta de Galicia a “eliminar a celebración de reválidas, conscientes das nefastas e lesivas consecuencias que supoñen, por seren un obstáculo para facer efectivo o dereito á educación universal, pública, galega, laica, coeducativa e gratuíta”.

Nesta iniciativa, tamén se lle pide á Xunta que lle reclame ao goberno galego a derrogación da LOMCE e a defender as competencias propias para defender o ensino público, galego e de calidade.

Have your say