Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

A Marea Atlántica é un proceso de carácter municipalista e ámbito municipal. Con todo, somos conscientes de que unha das posibilidades abertas ao “sumarnos á rebelión democrática que vén” dende a bisbarra da Coruña é que, como está a acontecer, persoas doutros lugares do país, sensibles ante o tempo político que vivimos e interpeladas pola proposta, inicien, atendendo as singularidades de cada vila, concello ou cidade, o camiño para construír fórmulas que, baixo a fórmula da marea cidadá ou non, busquen a confluencia da cidadanía e as organizacións sociais e políticas.

A Marea Atlántica observa con optimismo e celebra a aparición de procesos destas características por distintas localidades do país. Sen vocación de tutelaxe nin de validación, a Marea Atlántica buscará cooperar e colaborar con aquelas iniciativas que entendan a democratización, o protagonismo social, a confluencia e a vontade expresa de devolverlle o poder municipal á cidadanía como elementos nucleares do seu proceso. Buscaremos sinerxías e colaboracións, polo tanto, con aquelas iniciativas que teñan un marcado carácter cidadán, que como procesos de confluencia por abaixo estean atentos a desenvolver protocolos que eviten a monopolización e a tutela de organizacións políticas, e que comprendan que o compromiso ético que queremos trasladar ás institucións fundaméntase en mecanismos de transparencia abertos á cidadanía.

De igual forma, parécenos primordial que sexan procesos que recollan o valioso de experiencias municipais que demostrasen estar contra a destrución do público e pola transformación e mellora efectiva da vida dos cidadáns, e finalmente que teñan no seu horizonte organizativo a construción de ecosistemas inclusivos para todos aqueles actores políticos e sociais que se sitúan nitidamente á marxe das políticas de recortes e austeridade.

Ao respecto destas iniciativas, desde a Marea Atlántica pensamos que a dinámica sobre a que construír unha atmosfera de comodidade e cooperación ten que basearse no diálogo. É por iso que nos gustaría emprazar a aquelas iniciativas cidadás e populares de confluencia política que se recoñezan nos elementos comúns descritos a un espazo de encontro e diálogo onde intercambiar obxectivos e experiencias.

Ante a proliferación de proxectos cidadáns e de confluencia