Saltar ao contido

O alcalde destaca que “as boas cifras da administración local, que pechará o ano cunha débeda por baixo dos 68 millóns”, permiten dar luz verde a un paquete de investimentos sostibles de 9 millóns de euros.

“Estamos dispostos a discutir co PSOE a introdución de baixas”, dixo o rexedor, pero  “non deben afectar aos investimentos no espazo público nin a servizos esenciais”

O alcalde, Xulio Ferreiro, salientou a “boa saúde” da que gozan as contas do Concello da Coruña que pechará o ano, como mínimo, cunha débeda viva inferior aos 68 millóns de euros, unha redución dun 20% desde os 86 millóns de euros que o actual goberno local se atopou ao chegar a María Pita, en xuño de 2015, A preguntas dos medios, o rexedor recordou, ademais, que a administración local xa pechou o ano pasado coa cifra de débeda viva máis baixa da última década.

“Grazas á xestión que estamos a levar a cabo dende o executivo municipal, neste momento, o Concello está pouco endebedado. Non só rebaixamos o volume de débeda de forma considerable, senón que este ano cumprimos coas nosas amortizacións ordinarias, e, ademais recortamos máis de 5 millóns de euros de xeito extraordinario, grazas á saída do Plan de Axuste”. A ratio de débeda sobre recursos correntes do Concello é dun 28,41%, mentres que a media das entidades locais do Estado, en decembro do ano pasado, era de 46,31%, 18 puntos por enriba.

Para Ferreiro, estes datos xustifican o desexo do executivo municipal de destinar nove millóns de euros procedentes do remanente a realizar proxectos sostibles, que mellorarán a cidade durante o vindeiro ano. O modificativo previsto para poder facer uso desta cantidade, autorizada polo Ministerio de Facenda, debaterase mañá nunha sesión plenaria de carácter extraordinario.

Sorpresa polo xiro do PSOE

O alcalde amosou a súa “sorpresa” ante as declaracións que está a realizar o grupo municipal socialista sobre estes investimentos e o seu debate plenario. “A verdade, cremos que non é unha boa idea dedicar parte deste modificativo a amortizar débeda, porque os datos referendan a boa situación do Concello”. Este ano “xa amortizamos débeda dúas veces”, tanto pola vía ordinaria como pola vía extraordinaria, cancelando os créditos pendentes ligados ao Plan de Axuste.

“Levo meses escoitando dicir á oposición que é necesario facer máis cousas, poñer cartos na rúa, xa que os investimentos crean emprego. A nosa intención é a de usar o remanente para crear ese investimento na rúa: mellorar o espazo urbano e mellorar a xestión municipal”, dixo Ferreiro, quen apuntou tamén a que estes investimentos sostibles propostos polo grupo de goberno “pasaron xa o filtro de Montoro”.

“O Ministerio de Facenda xa nos dixo que adiante, que podiamos destinar cartos a estes investimentos.Por iso paréceme sorprendente que o PSOE da Coruña estea a revelarse como máis esixente que o propio ministro de Facenda do PP. Sobre todo, tendo en conta que houbo declaracións, non só na Coruña, senón en todo o Estado, de membros do Partido Socialista que apostaban por priorizar o gasto en investimentos sobre a débeda”, evidenciou.

Disposición a negociar polo ben da cidade

Con todo, o alcalde coruñés insistiu en que o obxectivo do goberno local “é sacar adiante proxectos que beneficien á cidadanía”. “Se é necesario, e se ao PSOE non lle convence algún proxecto en concreto dos que presentamos, o que debería facer sería poñelo enriba da mesa, xa que polo momento só temos unha comunicación oral”, dixo. “Podemos discutir sobre que investimentos concretos non son prioritarios con respecto a pagar a débeda, aínda que eu creo que todos os que propoñemos o son”, apuntou, á vez que incidiu na importancia de que se respecten e saian adiante os investimentos propostos en espazo público e aqueles que teñen que ver con servizos fundamentais.

“Estamos dispostos a chegar a acordos, e facer algunha cesión, para que o groso do paquete de investimentos sostibles, os que se refiren á renovación de firmes nos Rosais, na Rolda de Outeiro, na rúa Casares Quiroga, ou ás renovacións e melloras de iluminación e eficiencia enerxética, teñan o apoio do Pleno”, declarou o alcalde, que engadiu que “para iso, é preciso que o PSOE fale, que nos diga que proxectos concretos cre que se poden dar de baixa”.

“Estamos dispostos se así garantimos a maioría plenaria e, con iso, o ben da cidade”, dixo. “Aquí non se trata de gañar e de ter razón. Penso que o que máis lle convén á cidade é que se poidan investir eses 9 millóns de euros. Por certo, neste paquete do remanente do que falamos, xa temos contemplado ademais que medio millón de euros estea adicado a amortizar débeda”, indicou. “Xa lle trasladei ao PSOE até onde estamos dispostos a chegar. O que necesitamos neste momento é unha proposta escrita por parte do grupo municipal socialista para coñecer que investimentos desexan dar de baixa, que digan cales son os investimentos que ven ou non procedentes”, salientou.

Xulio Ferreiro: “O Concello da Coruña reduciu a súa débeda viva nun 20% en dous anos”