Saltar ao contido
Praza das Atochas

“Hoxe temos o privilexio de comezar, co cambio de nome desta praza, a devolver en parte a débeda pendente coa nosa memoria. Comezamos, e seguiremos nos vindeiros meses, a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, co que a sociedade civil da Coruña leva moitos anos construíndo”, dixo Xulio Ferreiro.

Coa única ausencia do PP, centos de cidadáns e cidadás de todo o arco ideolóxico asistiron á inauguración da nova Praza das Atochas, antes de Millán Astray. O goberno municipal estivo acompañado por concelleiros socialistas e nacionalistas e tamén por significados representantes do mundo da cultura e da sociedade civil coruñesa. Con este acto o goberno da Marea daba cumprimento á Lei da Memoria Histórica e ao seu propio programa electoral.

Logo da actuación da Banda Municipal, o concelleiro de cultura falou dun día histórico no que un espazo da barbarie é reconvertido nun elemento da Primavera da Memoria. Sande tamén recoñeceu o labor da CRMH e da comisión de expertos que actuou nesta área.

Manuel Monge congratulouse de que con esta iniciativa A Coruña deixe de ser a capital da simboloxía franquista e que principie un camiño de cumprimento da lei que xa tardaba en producirse.

Xulio Ferreiro afirmou que os soños e as liberdades de que gozamos son consecuencia do sacrificio de persoas como o pai de Mariquiña Villaverde, presente no acto e moi emocionada. O alcalde considerou que lembrar as vítimas do franquismo era un acto de xustiza que significa tamén expulsar aos verdugos dos espazos de privilexio. Estas foron as súas palabras:

“Boa tarde a todas e a todos.

Navegamos a crista dunha onda vella. Nada é nunca enteiramente novo. A marea que nos molla os pés en Riazor ou Santo Amaro, a uns poucos centímetros de nós, vén en realidade dende moi lonxe. Tan lonxe que ás veces non somos nin sequera quen de imaxinar onde nace e como chegou até aquí.

As nosas liberdades foron antes o soño imposible doutras veciñas e outros veciños desta cidade. Os dereitos dos que gozamos, mesmo aqueles polos que aínda hai que pelexar neste tempo de pelexar polo evidente, foron un día o sacrificio de persoas que non chegamos a coñecer, cuxos nomes son unha incógnita. En ocasións, como sabe Mariquiña Villaverde, persoas que pagaron un prezo demasiado alto.

Con elas, con estas persoas que nos imaxinaron libres e con dereitos, tiñamos unha débeda na Coruña. Unha débeda dobre. Primeiro, a débeda de lembralas, volvendo a coser o que a barbarie descoseu no século XX: os fíos da solidariedade e da democracia. Segundo, a débeda de facer xustiza e quitarlles aos verdugos o lugar de privilexio que se deron a si mesmos como tributo á súa vitoria.

Hoxe temos o privilexio de comezar, co cambio de nome desta praza, a devolver en parte a débeda pendente coa nosa memoria. Comezamos, e seguiremos nos vindeiros meses, a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, a cumprir co que a maioría das forzas políticas acordaron no pleno do Concello hai xa seis anos, a cumprir co que a sociedade civil da Coruña, que nunca esqueceu, leva construíndo moitos anos.

E digo privilexio porque é así. Porque aínda que a xente da Coruña quixo que fose eu quen estivese aquí, que fósemos nós quen hoxe representásemos aquí ao Concello, o traballo é doutras moitas persoas, entidades e organizacións. Entre todas, quero agradecer especialmente á Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, ao Ateneo Republicano, á memoria libertaria deste barrio, ás xentes da cultura que mantiveron aceso o recordo e ás organizacións políticas que apoiaron en 2009 a restauración da memoria histórica.

Dende que tomamos a decisión de comezar por aquí, de cambiarlle o nome a esta praza como sinal de que comeza un camiño de reparación e dignidade, hai unha frase que me repito unha e outra vez: “Vémonos na Praza das Atochas”. Porque hoxe, ademais de saldar unha débeda dobre co pasado, creamos dalgunha maneira un lugar novo, un pouco de futuro. Hoxe nace un novo lugar de encontro para a xente da Coruña. Porque nomear, dar un nome, é dar tamén a vida.

Vémonos, pois, na Praza das Atochas. Sempre.

Moitas grazas!”

Discurso de Xulio Ferreiro no acto de restauración da memoria histórica na Praza das Atochas, antes Millán Astray.
A Coruña, 8 de outubro de 2015

Acto de restauración da memoria histórica na Praza das Atochas