Saltar ao contido

Vintecinco iniciativas municipalistas galegas déronse cita en Lugo para seguir avanzando na creación dun proceso de confluencia cara as eleccións autonómicas

Avanzouse no consenso sobre os Principios Básicos das mareas, que se basean na radicalidade democrática e na defensa do tecido produtivo, da xustiza social, a lingua e cultura e os servizos públicos, sempre na procura do ben común

 

A Marea Atlántica asistiu onte, en Lugo, a unha nova xuntanza de iniciativas municipalistas para construír unha confluencia de cara ás eleccións autonómicas deste ano.

O paso adiante máis significativo deuse no consenso sobre os Principios Básicos deste proceso de confluencia, coa presentación dun documento que define os marcos comúns e idiosincráticos do movemento municipalista. O texto recibiu achegas das persoas asistentes e será definitivamente aprobado na próxima xuntanza, fixada para o mes de marzo en Ourense.

_DSC0143Eses principios descansan na radicalidade democrática e na defensa do tecido produtivo, da xustiza social, a lingua e cultura e os servizos públicos, sempre en aras do ben común. Sempre desde a honestidade, a transparencia e a participación cidadá.

Ao encontro asistiron 25 procesos municipalistas, representados por case un cento de persoas. Avanzouse no labor que realizan os diferentes grupos de traballo que renderon contas dos pasos que están a dar.

Outro asunto sobre o que se traballou foi o programa electoral en aspectos metodolóxicos de redacción e validación, participado polo conxunto do proceso e aberto a expertos das diferentes áreas temáticas.

Este encontro foi unha continuación dos celebrados na Estrada e na Pobra do Caramiñal e confirmou a ilusión crecente e o compromiso por estender ao conxunto de Galicia un proceso que supón unha nova forma de facer política, desde abaixo, a favor dos verdadeiros intereses da xente e con inequívoca vocación de gañar as eleccións galegas de 2016 e gobernar o país con outros códigos e sobre outros alicerces.

Galería de fotos do encontro

A xuntanza de Lugo consolida o encontro das Mareas en Común