Novas da Marea

A única alternativa para abrir un novo ciclo

Xulio Ferreiro: “O PP e Ciudadanos son o bolígrafo normal e o bolígrafo laranxa: distintas cores pero escreben o mesmo”

O candidato da Marea á alcaldía da Coruña fai referencia a outras forzas políticas que se presentan ás eleccións do 24 de maio e indica que “quen busque aire novo e políticas distintas que abran un tempo pensado desde e para a xente sabe que a súa ferramenta é a Marea”

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, falou sobre algunhas das forzas políticas que tamén se presentan ás eleccións municipais do 24 do maio, nas que considera que “hai dúas grandes alternativas: a que representa a cobiza da Pokémon e a incompetencia contra o desemprego que se chama PP e a que representa aire novo, capacidade e o ben das maiorías sociais que se chama Marea Atlántica”. “Cada vez é máis evidente que os poderes saben que a auténtica ameaza para os seus intereses é a Marea. Esa é a razón de que intenten manipular as nosas mensaxes, intentando converternos en extremistas inexpertos. Pero cada vez máis xente sabe que non é así, que temos un programa serio que acabaría cos escuros manexos do actual poder; que faría público en que se gasta cada euro; que se preocuparía máis polos traballadores precarios ou os e as desempregadas que polas millonarias construtoras ou a cleptomanía dos que estafaron e afundiron as caixas de aforros. A Marea ameaza ese modelo como nunca antes fixo ninguén na Coruña. Desde abaixo e da man da cidadanía. Liderando cambio e aire novo. Por iso non é casual que un imputado como Julio Flores dedicase o seu último discurso nun Pleno municipal a criticar a Marea. Sabe que representamos a fin do ciclo que simbolizan persoas como el ou tantas outras do seu partido, desde Gerardo Crespo ata Rodrigo Rato. Que a súa despedida fora alporizándose pola existencia da Marea é para nós un sinal de que estamos facendo ben as cousas”, sinala Ferreiro.

Nesa liña, o cabeza de lista da plataforma cidadá tamén fixo referencia a Ciudadanos, a formación que “a última hora e tras varias leas internas desas que identifican a máis vella e egoísta política” presentou lista na Coruña, “malia que formada por persoas que horas antes pertencían á UPyD desa política profesional que é Rosa Díaz. Curioso que veña agora falando de rexeneración quen ata hai tres minutos defendía un proxecto personalista, no que non existía democracia interna nin limitación de mandatos, apostas irrenunciables da Marea”.

“Son coñecidas as relacións entre Ciudadanos e o PP e a súa coincidencia no tipo de políticas económicas, pensadas para as elites e baseadas en propostas como subirlle os impostos aos produtos de primeira necesidade ou aplicar o modelo laboral precario da señora Merkel. Nós non caemos nas trampas artificiais: quen busque aire novo e políticas distintas que abran un ciclo pensado desde e para a xente sabe que a súa ferramenta chámase Marea. Ciudadanos é unha máscara, sen aínda programa para A Coruña e construída unicamente para dar soporte ao Partido Popular. O PP e Ciudadanos son como o bolígrafo normal e o bolígrafo naranja (ou magenta?): distintas cores pero escreben o mesmo”, sentenciou Ferreiro.

 

Have your say