Saltar ao contido

Na Coruña hai moitas familias que non teñen garantidas as súas necesidades básicas. Nesta situación de emerxencia o goberno da Marea levará a pleno en novembro a Renda Social Municipal (RSM), un proxecto feito desde abaixo a arriba

En política hai temas menores e temas maiores. Aquí falamos dun asunto principal, dunha Renda Social Municipal que garanta o dereito de todas as persoas ter cubertas as súas necesidades básicas. Os últimos datos coñecidos sitúan ao estado español como aquel no que despois de Grecia máis subiu o risco de pobreza e a exclusión. O drama afecta a 13.5 millóns de persoas no conxunto do estado, no noso país a 645.000. Desde 2010 Galiza perdeu 50.000 residentes e desde 2012 12.000 estranxeiros. Estes datos deberan ser unha vergoña para os gobernantes europeos e para as súas réplicas española e galega.

Toda esa xente con nome e apelidos que vive connosco e entre nós non pode existir dignamente, nin pagar facturas e débedas, nin cambiar de zapatos, nin dispor de calefacción, nin ir de vacacións, nin comer carne ou peixe cando o desexan, nin ter lavadora ou móbil, nin televisión ou computadora, nin moito menos coche. Nin educar aos seus fillos e fillas nin permitirse as cousas máis ordinarias. Os menores de 16 anos padecen especialmente esta situación que convive coa aumento da desigualdade, coas altas taxas de desemprego e coa figura do traballador pobre que tamén trouxo esta crise.

Esta situación non acontece senón na UE, seica no paraíso do benestar onde se malgastan toneladas de alimentos, moita enerxía e sumas millonarias para alimentar o negocio das débedas soberanas, contribuír ao gran supermercado das guerras, nutrir de fondos públicos o sistema financeiro e permitir ás empresas do IBEX e ás grandes multinacionais chuparnos o sangue á cidadanía co beneplácito de moitos e moitas políticos e políticas que lle colleron gusto ás portas xiratorias logo de gobernaren en contra do ben común.

De abaixo a arriba
Na Coruña hai moitas familias que viven nesta situación de emerxencia e o goberno da Marea, cumprindo o seu programa, conta con levar a pleno en novembro a Renda Social Municipal (RSM) da que ninguén na cidade discrepa aínda que outros grupos non a puxeran en marcha. E non sería por tempo que algúns tiveron dabondo. Centos e centos e centos de días. A concelleira Silvia Cameán elabora este programa coas traballadoras sociais do concello para poder formular unha proposta viable que atenda e combata o problema. E que supoña para as persoas beneficiarias un estímulo para abandonar a situación en que se atopan. É un traballo feito de abaixo a arriba, e consensuado coas traballadoras sociais do Concello, que son quen mellor coñecen as situacións que esta medida quere atallar.

A RSM será, por dicilo así, un salario social destinado a persoas maiores ou menos de idade, veciños e veciñas da cidade, sen ningún tipo de prestación (nin a RISGA) para que poidan facer fronte a gastos básicos de alimentación, vivenda ou roupa. Para unha soa persoa a RSM será o 100% do IPREM (Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples, fixado neste ano en 532 euros mensuais), pero a contía aumentará un 20% por cada membro adicional da unidade familiar, ata un máximo do 200%. As persoas beneficiarias da RSM terán que seguir un itinerario de inclusión social elaborado por persoal municipal cualificado. As estimacións do departamento de Silvia Cameán calculan que haberá que destinar nos orzamentos de 2016 unha partida de 3 millóns de euros para dotar a RSM.

Estas semanas comprobamos que algúns grupos políticos xa en pleno desenfreo preelectoral quixeron xogar ou a ser goberno –que non o son– ou a aparentar que queren facer o que vai facer o propio goberno. Sempre é desexábel unha oposición responsábel pero neste tema moito máis. Non se trata nin de saír nas fotos nin de falar cara a galería. Aínda que nada máis sexa por respecto ás persoas beneficiarias da RSM. Trátase de axudar a implementar unha medida que corrixa polo menos parcialmente as consecuencias funestas que a crise está tendo sobre unha parte da poboación absolutamente esquecida. Non será en nome deles que os gobernos do PP invoquen unha recuperación económica que parece un farol electoral desprovisto de luz e de argumentos.

Contra as falacias e as mentiras, contra as políticas que empobrecen a xente levándoa á exclusión e á marxinalidade, contra quen propón insistir na mesma política económica é que se articula esta RSM. Unha maneira de exercer a solidariedade e de mobilizar recursos de todas non en obras faraónicas senón en que a xente que perdeu o emprego ou que ten un precario de maís, non quede sen pan, vivenda e outras necesidades básicas. E esa maneira é un orgullo para a veciñanza que empurra ao goberno municipal a tomar este tipo de decisións. Desta maneira A Coruña será unha cidade máis social, máis humana e máis xusta.

A Renda Social Municipal