Mareas

pegadas_lumes

A pegada dos lumes en Galicia

Cando arde un monte ou un bosque, arde a biodiversidade, especies animais e vexetais, contamínanse augas e atmosfera, perdemos valores naturais e incluso psicolóxicos

 

A loita contra os incendios ten que ir máis aló de apagalos cando están a arder. Hai que atacar as causas de fondo

pegadas_lumesNestes meses de xullo e agosto, aínda sen ter rematado o verán, escoitamos nos medios de comunicación e vemos en directo que cada vez se están a producir máis incendios en Galicia e no resto do Estado. Cando arde un monte ou un bosque, arde a biodiversidade, especies animais e vexetais, contamínanse as augas e a atmosfera, perdemos valores naturais e incluso psicolóxicos.

A Marea súmase ás organizacións ecoloxistas e sectores implicados na demanda de non considerar a loita contra os incendios forestais coma unha “simple” loita pola súa extinción cando xa están a arder. Non se pode rematar cos lumes sen atacar as súas causas de fondo. Trátase de atacar as causas de fondo para rematar cos lumes.

É tempo de reflexionar sobre unha situación triste, significativa e que, en moitos casos, se podía ter evitado. Segundo sinala ADEGA nun recente informe, “desde 1995, hai en Galicia uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 quilómetros cadrados de superficie forestal, cando a media estatal é dun lume por cada 25 quilómetros cadrados. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios“.

Desde a Marea de Medio Ambiente e Sustentabilidade, denunciamos a irresponsabilidade política na protección da natureza e dos montes en particular. As súas consecuencias están á vista, aínda non rematou agosto e xa temos máis lumes que no ano 2014. As razóns son variadas, algunhas imposibles de controlar, como o cambio climático, as altísimas temperaturas de xullo, a escaseza de choiva ou a crise demográfica e económica do medio rural. Pero tamén hai que ter en conta os recortes en prevención en épocas non estivais, tanto en brigadas como en persoal contratado pola administración e traballadores do sector privado; o aumento de monocultivos forestais; e a cambiante relación das persoas urbanas coa natureza.

O último golpe é a Lei de Montes que representa unha involución e unha desconsideración do medio natural a favor dos intereses privados. Non fai máis que reforzar a consumación de incendios a cambio de darlles facilidades ás empresas para obter terreos ben situados e recualificados. A mesma lei que abre a posibilidade de forestar terras agrarias e darlle así novos espazos a especies como eucalipto, un negocio de grandes empresas en Galicia. É época de rebaixas.

As administracións teñen unha grande responsabilidade para que a prevención e a protección contra a ameaza do lume sexa o máis efectiva posible. E un dos aspectos a coidar é o persoal contratado. Apoiamos ao persoal que fai fronte a longas xornadas laborais de estrés e perigo, como as Brigadas de Reforzo contra Incendios Forestais (BRIF), que se atopan en folga para lograr unhas mellores condicións laborais como o recoñecemento profesional de bombeiros forestais.

 

 Unha responsabilidade colectiva

A Lei de Montes que representa unha desconsideración do medio natural a favor dos intereses privados

A Lei de Montes que representa unha desconsideración do medio natural a favor dos intereses privados

Cando Galicia arde, sempre escoitamos as interesadas declaracións do Goberno da Xunta falando do terrorismo incendiario, un argumento que se leva repetindo desde a época do presidente Manuel Fraga, e que non parece que teñan a intención de cambiar. É doado botarlle a culpa a inimigos invisibles e mal intencionados para quedar coa conciencia tranquila, pero a realidade é algo máis complexa.

O certo é que o 55 % dos incendios son intencionados, e polo tanto pódese deducir que hai intereses, causas e condicionantes. É un dato terrible que non podemos deixar de asociar á Lei de Montes: a presenza de “queimadores” a soldo que fan o traballo sucio para darlles un terreo a prezo de balde a unhas mans interesadas.

Pero sen seren todos intencionados, o 96% dos incendios son producidos pola man do ser humano. Nós tamén somos responsables: queimas de rastrollos, barbacoas en espazos naturais con restricións temporais no verán, cigarros mal apagados e tirados ao chan, os nosos propios residuos botados en lugares equivocados…

A loita contra o lume tamén pasa pola boa xestión e dinamización dos montes, públicos, privados e en man común; isto é clave tamén nesta prevención. É preciso destinar recursos para que o medio rural non siga despoboándose, para fomentar o interese e a participación cidadá na conservación do seu territorio e apoiar á economía social. Hai que atallar a crise demográfica que sofre Galicia e que esta a despoboar o rural, e hai que facelo con iniciativas reais que lle devolvan ao noso monte o seu valor como fondo de recursos e aproveitamentos complementarios (pastos, froitos, produción de abono…)

Temos por diante o reto de integrar no rural os cambios que trae o tempo, coma o uso das novas tecnoloxías xunto ás tradicións ou a profesionalización do sector forestal e agrario. É necesario abrirlle paso a novas posibilidades de carácter recreativo, ambiental, paisaxístico e de conservación do patrimonio, ligadas á calidade de vida e á crecente demanda da poboación. Outro dos moitos problemas da nova Lei de Montes é que deixa de entender como prioridades estas áreas de xestión.

Por iso, non podemos deixar a responsabilidade nas mans de leis e políticas. O cambio tarda moito en chegar por esta vía. É tempo de participación cidadá, de profundizar na custodia do territorio e nos montes veciñais en mancomún. Falta información, os datos non son transparentes e escasean alianzas coas institucións para ter unha boa educación e sensibilización ambiental que afronte tamén a problemática dos incendios. Estamos no camiño e no proceso de promover unha participación cidadá máis comprometida e máis activa.

Impacto ecolóxico dos incendios (fonte WWF)

Monte_queimado_Brión_Galicia

Non podemos deixar a responsabilidade nas mans de leis e políticas. O cambio tarda moito en chegar por esta vía. É tempo de participación cidadá

Pode verse nos seguintes elementos:

  • O chan: perda de nutrientes, destrución da microfauna (bacterias e fungos), diminución da permeabilidade.
  • A vexetación: destrución da parte aérea da masa forestal, aumento da probabilidade de pragas e enfermidades, aparición de especies invasoras.
  • Rede fluvial: erosión e contaminación das aguas, alteración da rede hidrolóxica.
  • Biodiversidade: destrución ou alteración do hábitat natural, perda de especies de flora e fauna, ruptura da cadea alimentaria.
  • Paisaxe: Incremento do risco de desertificación, fragmentación de hábitats, perda dos valores estéticos e recreativos.
  • Clima: emisións de CO2 á atmosfera, alteración do meso e o microclima, redución da dispoñibilidade de osíxeno, alteración no réxime do vento.

 

 Solucións

Xiabre_durante_incendiosEntre outras poden considerarse as seguintes:

  • Plantacións de especies axeitadas ao terreo e que procuren valor engadido.
  • Plantacións ordenadas para unha mellor limpeza do monte e supervisadas polos organismos oficiais.
  • Evitar as plantacións ao lado dos núcleos de poboación consolidados. E, en paralelo, non permitir a construción de vivendas en zonas de risco de incendio, cousa habitual nos concellos do interior.
  • Limpeza dos montes antes do verán.
  • Persecución efectiva das persoas que provocan incendios.
  • Mellora das brigadas contraincendios, con equipamento, formación e coñecemento da zona onde actúan.

2 comments

  1. Concordo coa maior parte do escrito, diría máis, a mellor prevención no monte sería voltar a valorizalo, é moito máis efectivo media ducia de pastores cos séus rebaños que non centos de brigadas contraincendios.
    Na cidade temos unha boa oportunidade para comezar a facer as cousas de outra maneira, despois do incendio de bens repoboar con especies autóctonas, traballar para que o concello estea libre de transxénicos, eucaliptos e plumóns… crear un valor engadido no propio monte, sendeiros, rutas para bicis, etc, etc.

    Xa postos convertir o Parque de Bens en un referente medioambiental, achegar a cidadanía da cidade o agro con espazos animais e biodiversidade do país, tipo parque de Salvaterra do Miño ou Aldeanova de Narón.

    Responder
  2. O cambio climático pode influir , veranos muy calurosos…. pero en Burgos , na zona de la sierra una zona muy extensa y muy rica en arbolado, pinos en su mayoría , las temperaturas altas comienzan en Mayo , no hay lluvia durantes los meses de verano y sin embargo no se producen incendios. Y durante esos meses muchos vecinos de los pueblos van al monte a tomar las chuletillas de cordero ….bueno por lo menos hace cincuenta años . y las hacíamos en en las barbacoas ….de piedra , pero desde pequeños nos enseñaron en la escuela y nuestros padres, que el monte es un bien común que debemos proteger y amar ¿Por qué ?Porque todo el vecindario vive del aprovechamiento de la venta de los pinos. Cada vecino, en cualquier pueblo de la sierra por haber nacido allí y vivir tiene derecho a una cantidad fija al año por la venta de esos pinos de monte comunal. Son las “matas” . Casi todo es monte comunal.
    Así que creo que tenemos que cambiar nuestra mentalidad hacia políticas comunales , hacia políticas de enseñanza de nuestro derecho a disfrutar de él pero protegiendolo , hacia políticas de enseñanza en las escuelas como un bien muy preciado . En fin, creo que se debería informar, enseñar en los pueblos y escuelas nuestros derechos y deberes respecto a él .Y en aquellos casos como es Galicia y en general toda la península donde la población está envejeciendo, el estado, los concellos de una manera coordinada comprometerse con políticas de aprovechamiento forestal o turístico , segun su biodiversidad , de manera sostenible. Mientras tanto debemos seguir limpiando el monte, invertir verdaderamente en la vigilancia contra los incendios . Se crearían muchos puestos de trabajo en el mantenimiento de nuestro arbolado, de nuestra riqueza forestal .
    Si no me equivoco somos el tercer pais de Europa en masa forestal . Temos un tesoro y aquí en Galicia un paraiso …. abandonado

    Responder

Have your say