Campaña

A Marea, nos Mallos

Xulio Ferreiro: “A Marea é o pesadelo do PP. Xa está ofrecendo pactos en todas as direccións con tal que nós non cambiemos as cousas e poidan seguir co negocio”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña participou nun encontro aberto nos Mallos, o barrio onde se criou e no que reivindicou “falar coa xente de forma directa, pisar a rúa, a nosa campaña non se basea só en organizar ese acto histórico co que A Coruña e a unidade popular nos agasallou e esperar resultados: a nosa campaña tamén busca á xente , á Coruña popular na que temos as nosas orixes e onde a Marea xa se identifica cun cambio real imparable ”

 

_MG_8525

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este mércores nun encontro aberto da plataforma cidadá de unidade no barrio dos Mallos, onde se criou e onde defendeu unha cidade participativa, “afastada dos faraóns déspotas e centrada nos veciños e veciñas, na xente do común”. Un día antes desa xornada, a Marea reuniu a máis de 100 persoas en Elviña, onde Ferreiro criticou as consignas que lanza nestes días o PP, “que advirte dunha hipotética inestabilidade que traerían a Marea, cando a realidade indica que a inestabilidade son eles: o partido do desemprego, dos procesos xudiciais, da desigualdade”. “O PP di “nós ou o caos” pero a Marea e calquera que mire ao seu redor sabe que o caos é o PP”. No acto tamén o participou Silvia Cameán, número catro da lista da Marea, que afirmou que “vivimos a fin dunha época e podemos por fin albiscar ese tan necesario cambio, que na Coruña chámase Marea Atlántica”. O número sete da candidatura, Alberto Lema, asegurou que “a unidade popular é unha necesidade” e reivindicou a figura de Xulio Ferreiro como fundamental para “que se crease o amplo espazo de confluencia que é a Marea”.

“A Marea naceu nos barrios e pensa neles, na cidadanía, na Coruña popular na que temos as nosas orixes e onde a Marea xa é identificada cun cambio real imparable. Hoxe volvo aquí, aos Mallos, ao barrio onde me criei, a unha desas zonas que o PP agora e outros antes abandonaron, pendentes da cidade como escaparate e non como comunidade. Pero aquí volvemos ver que esa política elitista xa non pasa o corte, que Hai Marea e que cada vez son máis os coruñeses e coruñesas que nos identifican con eles, que saben que estamos da súa parte, non de ningunha outra agochada en pazos ou despachos, que identifican á Marea como o cambio real, a única alternativa ao PP, a única que sae de abaixo e que sempre vai quedar aí, cos de abaixo, para recuperar xuntos todo o que nos están quitando”. “Sabemos que hoxe o punto azul como símbolo de democracia é o centro de moitas conversas na Coruña. A Marea acepta, con esa ilusión que o resto de opcións electorais non ten, a responsabilidade. Por iso hoxe estamos a pé de rúa, nos Mallos, falando coa xente de forma directa: a nosa campaña non se basea só en organizar ese acto histórico que fixemos entre todas e todos, coas nosas mans, e esperar resultados, iso é a vella e superada política. A Marea está noutra onda, a da unidade, a da cercanía, a da democracia, a dos barrios desta rica cidade que non merecen un goberno egoísta que os exclúe para facer caixa privada. Iso imos dicilo ante mil focos como onte e ante calquera veciño en solitario. A cidade que queremos constrúese así. Desde abaixo, para as maiorías”, indicou Ferreiro, que tamén volveu pedir “desculpas” aos “centos e centos de persoas que non puideron acceder á festa da rebeldía democrática que tivo lugar en Palexco o martes. Non temos bancos detrás e a nosa capacidade económica é limitada, pero seguiremos ata o 24 de maio pedindo o voto e haberá ocasión de falar con toda a xente, e tamén seguiremos máis alá do 24 de maio e haberá aínda máis ocasións de dialogar coa xente. Somos xente. Outros son carteis mudos”.

“E somos moitas e moitas as que queren que sigamos así. Ofrecendo un programa que conta coa Coruañ, que prioriza o seu benestar, que non cae en promesas mentireiras cada catro anos senón que dialoga con todos e todas, non como esas forzas que se encerran para parolar en platós que se pagan cos nosos impostos, sen saír aí fóra coa xente, por medo a ter que debater coa Marea”. “Os cartos da xente, sobre todo da que pasa dificultades, utilízanse para caprichos excluíntes. A inmensa maioría das opcións electorais que, dun xeito ou outro, saben que a Marea significa o cambio real desconfían da xente, pídenlle carné na vez da súa opinión. Nós estamos coa unidade. A Marea é o pesadelo do PP, e por iso o seu candidato ou o presidente da Deputación inventan mentiras coas que intentar que non se fale de que onte, na Coruña, a Marea e as xentes do común desbordaron a súa arrogancia e puxeron patas arriba o modelo inxusto no que lles impoñen vivir. E alcanzan niveis de ridículo certamente patolóxicos. O presidente da Deputación, desde o seu despacho cheo de enchufes, chegou a dicir que abríramos só unha porta para parecer máis. Obviamente, ao non ver carretaxe subvencionado, non entendía como era posible que tal multitude acudise a un acto político, cargada de ilusión. A Marea simboliza un mundo descoñecido para eles, pero natural para a xente. O PP e todo o que representa sabe que somos a alternativa real, non a maquillaxe, por iso o señor Negreira, neses anacos libres que ten entre auto xudicial e auto xudicial, xa pide papas ante a Marea Atlántica e lanza ofertas de pacto a quen sexa, ao PSOE que tanto gobernou aquí sen resolver problemas endémicos ou a Ciudadanos, co que comparte grupos de whatsapp. Válelle todo, sen mirar programas, todo menos a Marea. Porque a Marea significa aire fresco, un novo e mellor tempo, e o PP representa todo o contrario. Quen queira cambiar as cousas, quen pense no chan, nas rúas, no común e nos barrios, sabe que aquí está a Marea Atlántica. Enfronte, máis do mesmo. Máis escuridade”, concluíu Xulio Ferreiro.

Ademais do cabeza de lista da Marea, tamén interviron no acto aberto ao barrio Eugenia Vieito, número seis da lista, que asegurou que “non basta con botalos fóra, son tamén necesarios novos mecanismos de participación e de transparencia para que sexamos parte do goberno municipal. Esa é a democracia real, a que permite á xente dos barrios formar parte das decisións”. Ademais, a número dous da candidatura da Marea, Rocío Fraga, indicou que “sen nós non se move o mundo. Os soños polos que loitaron as nosas maiores non poden quedar en nada agora. Imos defender eses soños e temos dereito a outros. Temos dereito a gañar”.

Have your say