Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Cabalgamos sobre unha marea de rebelión democrática que vén de movementos populares como Nunca Máis ou do 15-M”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía participou nunha rolda de prensa de presentación do acto que terá lugar esta tarde en Madrid xunto a outras plataformas cidadás de todo o Estado
“O 24 de maio hai dúas opcións: a da Gürtel e Bárcenas ou a da cidadanía e a transparencia destas candidaturas irmás”, sinalou Ada Colau, de Barcelona en Comú

 

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá en Madrid na rolda de prensa de presentación do acto público que pola tarde reunirá a seis das principais candidaturas municipalistas de todo o Estado entre elas a Marea Atlántica xunto a Barcelona en Comú, que lidera a activista social Ada Colau, ou Ahora Madrid, que encabeza Manuela Carmena, ademais de iniciativas de Zaragoza, Málaga e Terrassa. “Namentres o PP converte A Coruña en noticia negativa por todo o Estado debido a casos de corrupción, a Marea sitúa á cidade na primeira liña do novo ciclo político”, indicou Ferreiro antes de participar na multitudinaria conferencia de prensa.

Ante medios de todo o Estado, Xulio Ferreiro afirmou que a plataforma cidadá coruñesa “cabalga sobre unha marea de rebelión democrática que vén de Nunca Máis, do 15-M ou da PAH”. “Somos a xente común, temos a ilusión do noso lado e imos facer isto coas nosas propias mans. Contamos co apoio xeneroso da xente e de todas as forzas comprometidas co cambio, entre elas nacionalistas e non-nacionalistas, cun amplo espazo de unidade”, explicou o cabeza de lista da Marea. “A Coruña foi sempre o patio traseiro de catro señores aos que serviron indistintamente PP e PSOE. Ante ese panorama, a Marea é a única alternativa á corrupción sistemática que une ao señor Rajoy co señor Negreira e ás políticas antisociais do PP. O 24 de maio a Marea chegará ao Concello para desaloxar aos maiordomos do 1% e poñer á institución ao servizo da maioría social”, engadiu.

Pola súa parte, o candidata de Barcelona en Comú, Ada Colau, cualificou de “moi emocionante” a xuntanza coas que chamou “candidaturas irmás”. “Nos nosos municipios e na nosa sociedade hai moita xente desaproveitada cuxa participación débese activar para acadar un cambio cada vez máis necesario”, dixo. “O 24 de maio hai dous modelos: o de Gürtel ou Bárcenas ou este, o da cidadanía, a pluralidade e a transparencia”, concluíu.

A Marea, no foco do novo ciclo político