Campaña

A Marea, na primeira liña da rebelión democrática

A Marea Atlántica pechará a precampaña cun acto público de Xulio Ferreiro en Madrid xunto a Ada Colau, activista social e candidata de Barcelona en Comú

O candidato da Marea Atlántica e a de Barcelona en Comú participarán nun encontro o 6 de maio no que tamén estarán a cabeza de lista de Ahora Madrid, Manuela Carmena, e as de plataformas cidadás de Zaragoza, Málaga e Terrasa. “ O PP de Negreira fai que se fale da Coruña no Estado pola corrupción; a Marea fará que se fale da Coruña no Estado por estar na primeira liña da esperanza de cambio”, apunta Xulio Ferreiro

ahoraENCOMUN_A2

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, pechará a precampaña o próximo mércores, 6 de maio, cun acto público en Madrid xunto a representantes doutras plataformas cidadás que concorren ás eleccións do día 24, entre elas a activista social e candidata de Barcelona en Comú Ada Colau. Tamén participarán a cabeza de lista de Ahora Madrid, Manuela Carmena, e as candidatas e candidatos de Zaragoza en Común (Pedro Santisteve), Terrasa en Comú (Xavi Matilla) e Málaga Ahora (Ysabel Torralbo).

O acto, que se celebrará baixo o lema de “Ahora en común. Un debate en conversación”, terá lugar na praza fronte ao Museo Reina Sofía e servirá para “escenificar a irmandade destes procesos municipalistas, que comparten a ilusión por participar dun cambio social e político, dunha revolución democrática que se prepara para entrar nas institucións e poñelas ao servizo da cidadanía”. “No foco de todas estas candidaturas está o ben común e os dereitos das maiorías sociais fronte ás elites”, indícase desde estas plataformas, entre elas Marea Atlántica, que así confírmase como proceso de referencia a nivel estatal. “A Coruña, por medio da Marea, está onde ten que estar, na vangarda do cambio no Estado español, xunto a persoas de coñecida traxectoria polos dereitos sociais. Se o PP de Negreira converte A Coruña en nova a nivel estatal por casos de corrupción; a Marea converte A Coruña en nova a nivel estatal por liderar o cambio e a esperanza”, declara Xulio Ferreiro.

Así mesmo, as seis candidaturas participantes “comparten a súa vocación de unidade popular, á que se suman formacións políticas que prestan o seu apoio aos procesos cidadás”. No caso da Marea Atlántica, conta co respaldo de ata sete forzas, entre elas Podemos, Esquerda Unida, Anova, Equo, Compromiso por Galicia ou Espazo Ecosocialista, que se suman deste xeito ao impulso da cidadanía sen adscrición no que é un dos procesos de confluencia máis amplo do Estado español, cun prestixio que ten sido valorado por figuras como Ada Colau, que xa visitou A Coruña hai meses para prestar o seu apoio á Marea, que tamén simbolizará esa unidade popular cun acto na Coruña o día 12 de maio, xa en campaña, no que participarán representantes das forzas políticas citadas xunto ao candidato á alcaldía, Xulio Ferreiro.

 

Have your say