Novas da Marea

1490359026_558837_1490362802_noticia_normal

A Marea Atlántica, con José Manuel Sande

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, foi chamado a declarar por un dos carteis que promocionaban o Entroido 2017 na Coruña, obra de Alberto Guitián. En lugar de Sande, podíamos comparecer todas.

Moitas persoas en todo o estado, e nós con celas,  sentimos perplexidade pola decisión do xulgado de instrución número 3 da Coruña por tramitar unha denuncia que considera que o cartaz ofendía os sentimentos relixiosos

Desde 2015 a Marea Atlántica goberna o concello da Coruña grazas aos votos da cidadanía e aos da corporación municipal. Sempre soubemos que os cambios na nosa maneira de gobernar ían ter ao tempo que unha estimulante colaboración por parte dos sectores máis innovadores da sociedade, unha acción decidida por aqueloutros máis inmobilistas sempre dispostos a perpetuar as caducas dinámicas do pasado.

O compañeiro José Manuel Sande é o responsable, entre outras, da área de culturas e como tal impulsa unha xestión transparente e non sectaria dunha actividade moi rica na cidade e presidida polo respecto a todas as sensibilidades dentro do marco legal no que nos movemos e pola defensa da liberdade de expresión.

Moitas ducias de millares de persoas en todo o estado e nós con elas sentimos perplexidade pola decisión do xulgado de instrución número 3 da Coruña por tramitar unha denuncia que considera que un dos cartaces elaborados polo artista Alberto Guitián para o pasado entroido ofendía os sentimentos relixiosos.

 

Sande, ao xulgado o 17 de abril

Así as cousas, José Manuel Sande debe comparecer en calidade de investigado perante o xulgado o día 17 de abril para confirmar e reafirmar o que sabemos todas as persoas. Non é práctica nin intención do concelleiro nin do goberno e tampouco do ilustrador ofender ningún sentimento. Máis ben ao contrario. Ser respectuoso con todos os sentimentos e neste caso coa celebración dunha festa tan popular, lúdica e irreverente como o entroido coruñés. Véxase a rica tradición dos apropopósitos ou a festa dos choqueiros da Torre onde se poden ver disfraces que evocan todas as profesións, colectivos e persoeiros. En lugar de Sande, podíamos comparecer todas.

No caso do cartaz que ao parecer ofende ás persoas denunciantes, o que nos permite ver é un debuxo que representa unha figura disfrazada coa caracterización que ao ilustrador lle pareceu máis acaída e representativa do noso entroido. Unha ilustración que hai que entender xunto coas outras tres da mesma fornada. Se o cartaz resulta ofensivo, resultaría ofensivo xa non só o entroido coruñés senón todos os entroidos e moitas formas de cultura e comunicación expresados conforme ás liberdades que nos proporciona o actual sistema xurídico.

 

Ampliar dereitos, nunca coartalos

A Marea Atlántica veu á vida política a ampliar liberdades e dereitos. Nunca a coartalos. E a liberdade de expresión esixe de todas e todos nós unha defensa sen paliativos. Xa chegou cos anos da ditadura para perseguir todas as liberdades, para converter a censura en norma e para fiscalizar e perseguir unha festa tan transgresora e popular como a do entroido.

En pleno século XXI e coa escaseza de medios e o moito traballo (cunha corrupción sistémica) que ten sempre a administración de xustiza resulta cando menos anómalo que se invistan recursos e medios cando sinceramente cremos que non hai caso. Porque non lle corresponde a ningún xulgado frear, nin espiar nin debilitar a fasquía irreverente e crítica do entroido sempre con vocación de parodiar e criticar aos estamentos que representan os diversos poderes e a orde establecida.

 

Unha ofensa con réditos políticos

Chove sobre mollado. Cando o entroido algúns sectores moi reaccionarios xa aboaron o terreo para a denuncia que agora se resolve no xulgado. Co aplauso descarado de quen querían sacar réditos políticos e ocasionarlle ao goberno municipal un problema que simplemente non existe. Naquela ocasión importantes colectivos de ilustradores e xentes da cultura saíron en defensa do ilustrador. E o goberno non se deixou amedrentar nin coaccionar por quen simplemente non cre na liberdade e busca interpretacións tan interesadas como capciosas a un simple debuxo.

Respectamos a todos os colectivos dentro e fóra da cidade, tamén á Asociación de Viúvas de Lugo e á súa presidenta, responsábel de impulsar as accións xudiciais. O noso compañeiro ofrecerá todas as explicacións e prestará á xustiza canta colaboración se lle requira para un total esclarecemento deste caso que non hai.

No século que vivimos non cremos que a función das institucións sexa coartar a liberdade de expresión da cidadanía, tampouco dos ilustradores e moito menos de quen vive o entroido, crente ou non, disfrazado do que quixer. Como aconteceu con este e con todos os gobernos municipais. Xa escarmentamos durante décadas sen poder exercer esa e outras liberdades.

Have your say