Saltar ao contido

É unha convocatoria realizada polas Mareas en Común, un foro aberto á participación de calquera, no que se construirá unha candidatura chamada a liderar o futuro goberno da Xunta

A plataforma cidadá da Coruña anima ás bases de Anova, Podemos, Esquerda Unida, Equo, Compromiso por Galicia e Espazo na cidade a sumarse ao proceso

Xulio Ferreiro: “O tempo de Feijóo xa rematou, estamos diante dun desafío histórico no que todas as mans son imprescindibles”

A Marea Atlántica participará este sábado, en Ames, na primeira fase da Marea Viva convocada polas Mareas en Común para impulsar unha candidatura de confluencia de cara ás eleccións autonómicas. Trátase dun foro aberto, no que calquera persoa pode participar a título individual, e no que se traballará para crear unha candidatura chamada a liderar o futuro goberno da Xunta de Galicia.

Este espazo de confluencia, construído desde abaixo e en común, é unha oportunidade para que se unan moitos camiños, perspectivas e ideas que levan ao mesmo sitio: á defensa dos intereses da maioría fronte ás políticas antisociais do Partido Popular. Por iso, a plataforma cidadá da Coruña chama ás bases de Anova, Podemos, Esquerda Unida, Equo, Compromiso por Galicia e Espazo na cidade a sumarse ao proceso, para sumar as súas voces á confluencia para as autonómicas.

Xulio Ferreiro, cabeza de lista da Marea Atlántica nas municipais e alcalde da Coruña, asegurou que “o tempo de Feijóo xa rematou, o tempo de desmantelar a sanidade e a educación, de vender o común en nome do déficit e de poñer aos bancos por diante das persoas. Estamos ante un desafío histórico no que todas as mans son imprescindibles”.

Lembrou que a propia Marea Atlántica foi un proceso de confluencia liderado pola cidadanía que o pasado 24 de maio logrou devolverlle á xente o Concello da Coruña. Pero non tería sido posible sen a participación, “xenerosa e decisiva”, de organizacións políticas como Anova, Podemos, Esquerda Unida, Equo, Espazo e Compromiso por Galicia, xunto a moitas organizacións sociais e cidadanía non adscrita. “De novo, temos que ser quen de demostrar que sabemos cooperar, desde o que nos une. É o que nos esixe a sociedade”, engadiu Ferreiro.

Ada Colau: “Hai futuro para o cambio en Galicia”

Hoxe, Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, saudou a Marea Viva desde a súa conta de Twitter, afirmando que “Hai futuro para o cambio en Galicia. As Mareas en Común poñen rumbo cara a confluencia”.

A Marea Viva é un espazo aberto, onde o único requirimento para participar é asinar os principios básicos das Mareas en Común. Persoas, partidos, organizacións, movementos sociais e colectivos teñen cabida nestes foro no que todas participan en pé de igualdade.

Nesta primeira fase, acordarase como dar resposta ás principais preguntas relacionadas coa confluencia: proceso de primarias, código ético das persoas electas, forma de goberno e programa participativo. As decisións ao respecto tomaranse de xeito conxunto e participado, nun espazo no que todas as voces poderán ser escoitadas.

Por iso, ante a oportunidade histórica de configurar unha candidatura que, con honestidade e ilusión, poida recuperar as institucións galegas para o 99%, a Marea Atlántica anima a toda a cidadanía e aos partidos que confiaron neste proceso cidadán na Coruña a estar o sábado en Ames. Porque xuntas non sumamos, multiplicamos.

A Marea Atlántica participa este sábado na Marea Viva de Ames, e invita a sumarse a todos os axentes da confluencia