Saltar ao contido

A institución obtivo resultados mediocres no informe de Transparency International, e está entre as peores do Estado en materias como a contratación ou a relación coa cidadanía

O Grupo Provincial da Marea está a sinalar estas carencias desde o comezo do mandato, e insta ao goberno de PSOE e BNG a non esquecer o compromiso de máxima trasparencia adquirido na investidura

O Grupo Provincial da Marea Atlántica denuncia a falta de transparencia da Deputación da Coruña que, no informe publicado recentemente pola axencia Transparency International, figura como unha das peores institucións provinciais do Estado en materias como o cumprimento da lei de transparencia, a relación coa cidadanía ou a contratación.

O estudo, que se deu a coñecer nas últimas semanas de 2015, valora as 45 deputacións do Estado español e, no cómputo global, sitúa a coruñesa no posto 25, empatada coa de Álava. Porén, dos seis aspectos concretos valorados por Transparency International, a Deputación da Coruña só destaca positivamente nos datos económicos e financeiros, onde que obtén a máxima puntuación. No resto dos apartados obtén puntuacións por baixo da media (información sobre a súa actividade, relación coa cidadanía e a sociedade, servizos de apopio aos municipios) ou directamente nos postos de cola (indicadores da Lei de Transparencia e contratación).

Unha situación xa denunciada pola Marea

Desde o comezo do presente mandato, a Marea Atlántica está a sinalar estas carencias, confirmadas agora pola axencia internacional de avaliación. A proximidade coa cidadanía pasa por facer públicos os debates que se dan no seo da Deputación, tal e como esixía unha moción do grupo provincial da Marea Atlántica, na que se reclamaba a retransmisión en streaming dos plenos, e que foi aprobada na última sesión plenaria do ano.

Pero tampouco pode esquecerse que as institucións teñen unha responsabilidade nestes momentos de emerxencia social, algo que o goberno provincial elude cando lle convén. Por exemplo, cando contou co respaldo do PP para fixar uns salarios aos deputados e ás deputadas moi por enriba do que percibe o conxunto da cidadanía, ignorando a proposta da Marea Atlántica de reducilos como se fixo no Concello da Coruña.

Tamén é preciso corrixir o sistema de subvencións nominativas, completamente opaco e nepotista, que foi empregado de xeito constante polo anterior goberno provincial do Partido Popular. As deputadas provinciais da Marea Atlántica recoñecen o esforzo que o bipartito de PSOE e BNG está a facer para reducir estas axudas asignadas a dedo pola Presidencia, favorecendo os sistemas de libre concorrencia. Pero é preciso esixir que, para un adecuado exercicido da transparencia, a concesión de axudas recaia nun órgano no que estean representadas todas as forzas políticas con asento na Deputación.

Contratos públicos

Polo que respecta ao ámbito dos contratos públicos, hai que lembrar que o grupo provincial da Marea tamén presentou unha moción para mellorar o xeito no que se outorgan, tanto en transparencia como en contido social. Porén, o proxecto que finalmente foi presentado polo goberno PSOE-BNG non estivo á altura, como xa se denunciou no último pleno.

En resumo, é preciso repensar o funcionamento da Deputación da Coruña e seguir traballando para acadar os máximos estándares de transparencia. Tal foi o compromiso que o actual presidente, Valentín González Formoso, e o conxunto do goberno provincial adquiriron na súa investidura.

A Marea Atlántica esixe maior transparencia na Deputación