Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

O deporte ocupa un lugar importante no proxecto de cidade da Marea Atlántica. O deporte en maiúsculas, en sentido amplo, o que os nosos veciños e veciñas practican nos parques, nos clubes, nos barrios, desde a base, e non simplesmente o que aparece seguido nos grandes medios de comunicación. Correspóndelle ser un píar no modelo de cidade aberta, participativa e participada que defendemos.

Dende xuño está activa a Marea do Deporte, á que se teñen incorporado múltiples representantes e deportistas dende moi distintos ámbitos do deporte local. No marco deste espazo de traballo estanse a cociñar varias iniciativas, entre as que destaca o proceso participativo de procura de espazos para o deporte na rúa. Espazos nos que se poderán instalar equipamentos sinxelos coa fin de fomentar a práctica do deporte como opción saudable e de lecer, á vez que se reconquista e reutiliza o espazo público.

O traballo desenvolvido desde o Concello profundiza nesta liña, tomando contacto cos distintos clubes da cidade, ou reuníndose co Presidente da Federación Galega de Futbol (FGF) para a amosar o interese do Goberno Municipal por desbloquear a execución do proxecto dos novos campos de fútbol para a cidade e á propia sede da FGF.

Sen deixar de pór en revisión certas probas privadas e de interese dubidoso, seguindo o principio da Marea dunha separación clara entre o privado e o público, optouse tamén por manter e mesmo revalorizar todas as probas xa existentes nas diversas disciplinas deportivas. O Teresa Herrera de fútbol feminino é un bo exemplo disto. E tamén o apoio ás carreiras municipais, onde se impulsa o circuíto Coruña Corre como punto forte, para apoiar o deporte popular, mentres se busca un perfil máis profesional nas probas máis esixintes: Coruña10, Coruña21 e Coruña42.

A aposta polo deporte feminino

A Marea do Deporte pon especial atención e sensibilidade no mundo do deporte feminino, tantas veces marxinado das políticas públicas e sempre invisibilizado socialmente. É fundamental incorporar as mulleres aos circuitos deportivos da cidade e garantir para elas o goce dos recursos publicos, como un xeito de empoderamento e de exercicio real e práctico da igualdade. E como unha riqueza para a cidade toda.

Desde o noso punto de vista, a sexualización do deporte feminino, a súa limitación a unha serie de valores que en nada teñen relación co deporte (mais co consumo, a moda ou a estética), non axudan en nada a rachar coa discriminación que segue presente no mundo do deporte.

Deporte para todas

A Marea do Deporte está aberta a toda aquela persoa relacionada co ámbito deportivo que desexe incorporarse con especial atención e sensibilidade para o mundo do deporte feminino, así como coas persoas con diversidade funcional, no camiño para garantir o seu total acceso a práctica deportiva.

A Marea Atlántica e o Deporte