Saltar ao contido

Os dous partidos, xunto a Ciudadanos, opuxéronse no Congreso dos Deputados á proposta de En Marea de ceder de balde o antigo penal ao Concello

Coma xa é tristemente habitual, socialistas e populares din defender A Coruña cando falan no ámbito local, pero esquécense en canto cruzan a Ponte da Pasaxe

O deputado de En Marea David Bruzos defendeu o martes, 5 de abril, no Congreso unha proposición non de lei para solicitar que o cárcere da Torre, en desuso e abandonado, fose cedido gratuitamente ao Concello da Coruña para darlle un uso público, en beneficio da cidadanía. A proposta foi rexeitada cos votos en contra do PP, o PSOE e Ciudadanos, nunha actuación que revela a dobre vara de medir que empregan socialistas e populares, e por descontado a formación de Albert Rivera, nesta e noutras cuestións relacionadas coa cidade.

Sobre o cárcere pesa un convenio asinado en 2005 entre o Concello, a Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior e a Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SEIP). Nel, o goberno de Francisco Vázquez aceptou pagar 1,2 millóns de euros dos petos dos coruñeses e as coruñesas para recuperar un edificio sen uso, construído en terreos de propiedade municipal.

Chama a atención que o PP, que baixo o goberno de Carlos Negreira iniciou accións para anular este nocivo convenio e defendeu a recuperación de balde do edificio, desaproveitase agora esta oportunidade de conseguilo a través dos seus deputados en Madrid. Un deles, Miguel Lorenzo, foi parte dese executivo local que defendía no pasado mandato que a cesión gratuíta era o xusto, pero onte esqueceuno.

E resulta tamén curioso que o PSOE, que aínda no pleno municipal do 13 de decembro de 2015 instaba ao goberno local a recobrar a titularidade do cárcere e darlle un uso social, vote xusto no sentido contrario no Congreso. Máis unha vez, estes dous partidos esquecen defender os intereses da cidade en canto cruzan a Ponte da Pasaxe.

Recuperar o cárcere, unha prioridade

Cárcere2
Fotos: Proxecto Cárcere

Logo dunha recente sentenza da Audiencia Nacional, contraria á anulación do convenio sobre o cárcere, o goberno municipal esgotará todas as vías para recuperar a titularidade do edificio e de darlle un uso público, que beneficie a toda a veciñanza. Trátase dun inmoble que foi construído en terreos municipais a comezos do século XX, polo que o lóxico é que regrese ao Concello unha vez que rematou o uso para o que foi cedido. Pola contra, o Ministerio do Interior se empeña en mantelo pechado e nun estado de deterioro que aumenta ano tras ano.

A iniciativa cidadá Proxecto Cárcere reclama desde hai anos a rehabilitación do edificio e a súa recuperación como espazo público, aberto a toda a veciñanza. Desde a Marea Atlántica, sumámonos a esta reivindicación, e considerámola unha prioridade.

A antiga prisión provincial é un edificio singular, ligado á memoria histórica da nosa cidade, no que moitas persoas foron represaliadas. Nos seus muros están escritos nomes coma o do alcalde republicano da Coruña, Alfredo Suárez Ferrín, o guerrilleiro José Gomez Gaioso, o fundador das Xuventudes Socialistas na nosa cidade, José García García, e moitos outros que merecen ser lembrados. Como ben dixo onte David Bruzos, é tempo de converter o que foi un espazo de represión nun espazo libre e alegre.

A Marea Atlántica denuncia a falta de compromiso do PP e o PSOE coa devolución do cárcere da Torre á cidadanía