Mareas

SGR_120116_MG_5063

A Marea Atlántica defenderá no pleno unha moción contra o peche de camas nos hospitais

O texto insta á Xunta a “poñer todos os recursos dispoñibles para cubrir as necesidades reais da veciñanza”

Será presentada no pleno por Silvia Camén, que denuncia que “a Consellería de Sanidade está a priorizar, de novo, os recortes fronte a atención aos pacientes”

 

O grupo muncipal da Marea Atlántica presentará no pleno deste 13 de xuño unha moción que insta á Xunta de Galicia a revogar os peches de camas previstos nos hospitais públicos, e amosar o rexeitamento de toda a Corporación Municipal ante calquera política de recortes sanitarios, xa sexa no Goberno central ou na Administración autonómica, ou en calquera institución con competencias na materia.

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, defenderá esta moción na que se lembra que “a sanidade pública e universal constitúe unha conquista irrenunciable da democracia e foi, xunto á Educación, a base fundamental do desenvolvemento do estado do benestar”. O texto da moción lamenta que “a Xunta decida, unha vez máis, pechar camas hospitalarias durante este verán coa escusa de que en épocas estivais baixa a actividade dos centros”.

“Con estas decisións a poboación sufrirá un importante deterioro na calidade do servizo sanitario, xa que a Consellería de Sanidade está a priorizar, de novo, os recortes fronte ás necesidades da veciñanza de asistencia sanitaria”, engade Silvia Cameán. A moción presentada polo grupo de Goberno local salienta que tanto os recortes sanitarios como os peches de camas supoñen “un maior deterioro do servizo e, a súa vez, un incremento das listas de agarda, que xa na actualidade son especialmente alarmantes”.

Máis de 31.000 persoas agardan ser atendidas

Concentración da Marea Branca no Obelisco. Foto de Antía García Sendón

En concreto, tal e como recolle o texto que se presentará no pleno, na área da Coruña existe unha lista de agarda de 31.211 persoas na categoría de primeiras consultas, de 21.061 persoas en probas de diagnose e de 8.267 para operacións cirúrxicas. “Entendemos que toda medida que conduza á desprotección da saúde dunha soa persoa debe ser contestada de forma contundente por esta Corporación, esixindo a inmediata restauración á normalidade dun servizo público esencial”, comenta Cameán.

Por outro lado, tamén está previsto que o grupo da Marea Atlántica presente ante o pleno outra moción, formulada a petición da Plataforma en Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas, para reclamarlle ao Goberno do Estado que saia elixido tras as eleccións do 26 de xuño que faga o investimento necesario “para crear un auténtico ferrocarril público que garanta a mobilidade en toda a comarca”.

Renda Social Municipal

O pleno deste luns tamén debaterá a aprobación da Renda Social Municipal, que xa conta co visto e prace da Xunta de Goberno local e pasou pola Comisión de Xustiza Social. Trátase dunha das principais medidas anunciadas polo goberno da Marea Atlántica para este mandato, unha axuda económica periódica que servirá para que todas as persoas da cidade en situación de vulnerabilidade que non perciban a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), ou outras prestacións similares, poidan facer fronte ás súas necesidades máis básicas, tales como alimentación, vivenda, pago de cotas de alugueiro, vestimenta ou outro tipo de necesidades.

Have your say