Saltar ao contido

Os comentarios están pechados.

No Día da Ciencia na Rúa, lembremos a un goberno municipal dun concello, o do PP na Coruña, capaz de desatender unha das súas excelencias: a Rede de Museos Científicos. O desastre, macabro, ten ata premio ao despropósito -en forma de imputacións- e un pregúntase se se pode facer peor. Non é unha sorpresa, pois aparece vinculado ao estado de abandono practicado en todos os terreos.

Pola súa parte, a Marea Atlántica pretende que a veciñanza rentabilice a presencia da magnífica infraestrutura pública dedicada á divulgación da ciencia (tres centros municipais e un estatal) para afortalar e desenvolver a cultura científica como un dos elementos centrais da identidade coruñesa. De cara ao futuro partimos do elevado nivel de aceptación dos Museos Científicos por parte das usuarias e usuarios e da mencionada situación de abandono propiciada polo último goberno municipal.

Para superar esa desatención a Marea propón:

  • Dotar aos centros municipais (mc2) de recursos para que realicen un ambicioso plan de actividades dirixidas a todos os públicos e a execución de exposicións e produtos que permitan manter e desenvolver o nivel de excelencia da institución.
  • Ampliar os programas de actividades de fin de semana, especialmente os dirixidos ao público infantil.
  • Optimizar os importantes recursos humanos destes centros, outorgando un maior protagonismo e responsabilidade ás traballadoras.
  • A Marea promoverá que os mc2 establezan sólidas canles de colaboración co tecido investigador local (UDC, INIBIC, Centro Oceanográfico, etc), co fin de que se convertan nunha canle prioritaria para a difusión do seu labor aos cidadáns. Con ese obxectivo se desenvolverán programas específicos de actividades.
  • Fronte ao drama da “fuga de cerebros”, actuación como axentes mediadores activos favorecendo a creación de instrumentos de debate coas institucións implicadas, o mundo da empresa e os colectivos afectados, cara ao deseño de estratexias que incidan no tema. Nese sentido, creará un foro de comunicación permanente, virtual e presencial en momentos puntuais, coa mocidade coruñesa do mundo da ciencia e da tecnoloxía que se ve obrigada a traballar no estranxeiro.
  • A Marea levará a cabo, coa colaboración das Concellerías de Cultura, Educación e Servizos Sociais do Concello, a creación e desenvolvemento dun programa de actuacións sobre cultura científica no ámbito escolar e social, ofrecendo, entre outros, recursos online para as usuarias.

Coas nosas mans. Para a xente. #HaiMarea

José Manuel Sande

Candidato e membro da Marea da Cultura

A Marea Atlántica, coa ciencia na Coruña