Autonómicas

photo_2016-01-16_13-52-55

A Marea Atlántica asistirá ao novo encontro das Mareas en Común

Será o vindeiro domingo, 31 de xaneiro, na Pobra do Caramiñal, e continuará o traballo iniciado o día 16 deste mes na Estrada para a posta en marcha dun proceso de confluencia para as eleccións galegas

Logo do traballo iniciado no primeiro encontro de mareas municipalistas galegas hai una semana na Estrada, a Marea Atlántica acudirá o domingo 31 de xaneiro á unha nova xuntanza na Pobra do Caramiñal, para seguir a traballar no desexo común de crear un novo proceso de confluencia de cara ás eleccións galegas, aberto á participación de todas as propostas municipalistas que o desexen.

Este espazo de traballo no que a Marea da Pobra actúa como anfitrioa,  servirá para por en común unhas bases para crear os alicerces de ese espazo amplo e horizontal que pretendemos que desemboque nunha confluencia galega, de consenso, desde abaixo e contando con todo o mundo. E o momento de volver escoitar as voces baixas, as voces das persoas que creen que as cousas poden facerse de outra maneira, de abaixo cara arriba e de buscar a unidade desde a igualdade, a fraternidade e o traballo participativo e colaborativo.

A cita na Estrada, celebrada o 16 de xaneiro, serviu para demostrar que hai ilusión por crear unha alternativa ás políticas antisociais e austericidas do PP en Galicia, unha opción liderada pola cidadanía e cun programa de goberno deseñado para o 99% das persoas. As políticas da xente para a xente  teñen que chegar ás institucións galegas, coma xa aconteceu tras as municipais en moitas localidades. Por iso, estaremos o vindeiro domingo na Pobra do Caramiñal. Hai Mareas!

Polo seu interese, reproducimos a convocatoria do equipo de mediación que está a organizar a xornada. Vémonos no Barbanza:

 


O sábado 16 xuntámonos na Estrada persoas pertencentes a distintas iniciativas municipalistas do país coa idea de coñecernos e descubrir se había un desexo común de formar parte dun proceso cara ás eleccións galegas.

Tras unha intensa xornada de traballo o grupo amosou a súa interese en darlle continuidade a esta xuntanza para seguir afondando nos resultados.

O grupo decidiu que foran as persoas que facilitaron a xuntanza quenes prepararan a vindeira xuntanza, establecendo o lugar, espazo, día e hora para a mesma. Tamén delegou nas mesmas persoas a preparación da metodoloxía da xuntanza.

Polo tanto pasamos a cumplir o mandato feito polo grupo e convocámosvos na Pobra do Caramiñal o vindeiro domingo 31 de xaneiro ás 10:00 da mañá. O espazo elixido para a xuntanza é o Restaurante O Lagar.

Por favor, necesitamos que enchades este formulario tanto para xestionar o tema do almorzo e xantar como para axudarnos a preparar a xuntanza. O prezo do almorzo máis o xantar será de 15€.

Formulario: http://goo.gl/forms/KO9YnYrd5j

Have your say