Novas da Marea

A lista do PP: escandalosa e significativa

Xulio Ferreiro: “Negreira aposta na súa lista pola que foi apoderada da construtora máis beneficiada polo Concello e pola conselleira de Traballo que bateu récords de desemprego e viviu ao carón do escándalo da Zeta”

O candidato d a Marea Atlántica á alcaldía da Coruña considera “moi significativo” que a lista do PP “presentada á última hora, no estilo do mal estudante” teña como símbolo “a Beatriz Mato, cuxa xestión é unha catástrofe” e incorpore a “persoas que estiveron relacionadas ata hai poucos meses con concesionarias municipais, algo que na Marea sería imposible polo noso Código Ético ”

 

O cabeza de lista da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de “escandalosa pero moi significativa dos intereses que defende o PP” a candidatura presentada por Carlos Negreira ás eleccións municipais, que “inclúe á que foi apoderada da construtora que máis negocio acadou do Concello o ano pasado”, Susana Lenguas, e como peche á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, “que bateu récords de desemprego en Galicia ou esta salpicada polo escándalo da fraude nos cursos de formación coñecido como Caso Zeta, que está a ser investigado nos xulgados”.

“Ata setembro de 2014, Susana Lenguas foi apoderada da Construtora Arias Hermanos, que foi a máis beneficiada polo investimento en obras do Concello o ano pasado, cando acadou 8,3 millóns de euros municipais, segundo datos da propia Asociación de Construtoras”, indica Ferreiro, que engade que “esta elección demostra que o señor Negreira segue a ter como prioridade os intereses das grandes empresas e o dispendio en obras dubidosas a favor do 1% con máis poder económico e non o ben común dos coruñeses e coruñesas”. “A propia señora Lenguas era apoderada de Arias Hermanos cando o escuro chiringuito municipal de Emalcsa lle adxudicou un contrato de 2,9 millóns para obras na rede de auga potable da cidade. Na Marea, unha persoa dese perfil nunca podería ser candidata, posto que o noso Código Ético impide a presenza de persoas cunha relación tan directa e recente con empresas concesionarias. Pero esa porta xiratoria con aspecto de rede de amiguismo para o PP debe supoñer un mérito xusto cando a cidadanía
demanda transparencia e outra política que deixe de servirse dos recursos públicos para o enriquecemento dunha elite”.

Ademais, Xulio Ferreiro tamén criticou que “como peche dunha lista resolta a última hora como se fose un mal estudante, o señor Negreira escolleu a Beatriz Mato, a conselleira de Traballo da Xunta coa que Galicia alcanzou os seus máis altos rexistros de desemprego, emerxencia social que parece que continúa lonxe dos intereses do PP local”. “A maiores da súa catastrófica xestión, desde a consellería de Traballo e Benestar, coñecida tamén polos seus recortes en servizos públicos, Beatriz Mato estivo no epicentro do escándalo do Caso Zeta, unha presunta fraude nos cursos de formación organizados por Gerardo Crespo, tamén referente ata hai nada do Partido Popular na Coruña, que está nos xulgados e pola que tiveron que dimitir importantes cargos do departamento autonómico. Se esa é a aposta do señor Negreira para combater a corrupción, semella evidente que Julio ‘Pokémon’ Flores non estará na lista de xeito físico, pero si en espírito”, apunta o cabeza de lista da Marea Atlántica, que tamén amosa a súa alarma ante a inclusión na candidatura do PP “de persoas que veñen do sector bancario e consideran a xestión económica de Rodrigo Rato unha referencia”.

“Namentres a Marea confeccionou unha candidatura desde abaixo, atendendo á cidadanía, permitindo a súa participación mediante primarias e na que destacan persoas preparadas, que asinaron un esixente Código Ético e viven de preto os problemas do 99% dos coruñeses e coruñesas; o señor Negreira ofrece á cidadanía unha lista pensada desde arriba, dirixida á elite que fai negocio co diñeiro de quen sofre a crise e que non asume ningún compromiso de rexeneración da vida pública”, afirma Ferreiro. “Queda claro unha vez máis que nestes comicios hai dúas alternativas: a vella, opaca e fracasada do modelo que simboliza o PP ou a nova, participativa e ilusionante que representa a Marea”, conclúe Ferreiro.

Have your say