Municipalismo

CidadesBenComún

A forza do ben común. Encontro das #CidadesRebeldes na Coruña

O 28 de novembro, A Coruña foi capital do Ben Común. Xulio Ferreiro, Ada Colau, Martiño Noriega, José María González ‘Kichi’, Jorge Suárez, Joán Ribó, Rita Maestre y Pedro Santisteve participaron nun acto conxunto que pechou unha fin de semana de traballo entre os concellos do cambio e as plataformas municipalistas

O alcalde da Coruña afirmou que “Galicia quere cambio. Díxoo nas municipais e vaino repetir o 20 de decembro”

Cinco meses despois das eleccións munipais, o Palexco volveu encherse polo cambio. Unhas 1.500 persoas asistiron ao acto público das Cidades polo Ben Comú,  no que tomaron a palabra as alcaldesas e os alcaldes Ada Colau (Barcelona), Martiño Noriega (Santiago), José María González ‘Kichi’ (Cádiz), Jorge Suárez (Ferrol), Pedro Santisteve (Zaragoza), Joan Ribó (Valencia) e Xulio Ferreiro (A Coruña), e a voceira do Concello de Madrid, Rita Maestre.  Foi o punto e final a un encontro de traballo no que participaron plataformas municipais de unidade popular de todo o Estado, e que serviu para tecer redes, intercambiar ideas e demostrar que o cambio non parou o 24 de maio. O 20 de decembro ten que seguir adiante.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, afirmou que “somos a Renda Social Municipal, somos o Código Ético, a Porta Aberta, as ordenanzas fiscais que reparten a riqueza, somos os e as mariñeiras do cerco, os pescadores galegos en Noruega que reclaman o que lles pertence, as mulleres vítimas de violencia de xénero, somos a xente sen casa, os pensionistas que contan cada euro, os rapaces e rapazas que emigraron como fixo Neira Vilas, as refuxiadas. Somos os da Praza das Atochas, e non os de Millán Astray. Esas e eses somos nós, e por iso imos ser recordados. Non pola Pokémon nin pola Gürtel”.

CidadesBenComún2Fixo, ademais, referencia ás acusacións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen difamou asegurando que este acto no Palexco pagouse con cartos públicos do Concello da Coruña. O alcalde deixou claro que a cita das cidades rebeldes financiouse “cos cartos da xente da Marea, coas súas mans, co seu diñeiro, co traballo de todos e de todas”. E indicou: “Somos recén chegados e chegadas, intrusos e intrusas, novatos e novatas, pero temos un respecto sagrado polo diñeiro público… Non sabemos nin enchufar nin pedirlle á Gürtel que nos pague os mitins”. “Non me sorprende que esta xente empezase a perder en maio, non me sorprende que o señor Feijóo xa non confíe en vostede. Non me sorprende que o PP perdese as principais cidades de Galicia, que perdesen tres deputacións, que vaian perder o Goberno do Estado e que o ano que vén vaian perder á Xunta de Galicia. Vano perder todo”.

Como xa fixera durante a campaña das eleccións municipais, Xulio Ferreiro ergueu o punto azul da Marea Atlántica e lembrou que “significa democracia, participación, transparencia, as persoas primeiro. Significa A Coruña, a xente da Coruña, que somos capaces de facer milagres cando estamos xuntas”. O cambio que comezou en maio “non hai quen o pare”, porque na candidatura de En Marea “hai xente valente que decidiu dar o paso, poñer a cara para que as cidades do cambio teñan un aliado no Congreso dos Deputados”.

“E mentres uns se xogan quen será o líder da oposición, se Feijóo ou Albert Rivera, o combate contra a corrupción non admite pasos atrás. Temos todo o futuro por diante, porque Galicia quere cambio. Díxoo nas municipais e vaino repetir dentro dun mes, o 20 de decembro. E o ano que vén tamén lle diremos a Feijóo que acabou, que lle toca gobernar á xente”.

Ada Colau: “Cando os estados son fallidos, as cidades estamos a dar respostas”


Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, comezou sinalando que “o que fixemos foi épico, os de abaixo, os ninguén, os que non tiñamos o móbil dos banqueiros, gañamos unhas eleccións. Temos que lembrar que foi extraordinario, porque eles téñeno moi presente todos os días, e non nolo poñen doado”. Criticou a política “partidista, a que pon os obxectivos do partido por enriba da cidadanía, aínda que digan o contrario en público” e confrontouna “coa historia que estamos a facer as persoas normais, tomando decisións polo ben común”.

Ada Colau reclamou tamén “unha feminización da política, un cambio completo dos nosos modos de ver dentro e fora das institucións”. E lembrou que “non é casual que esta revolución democrática comezara nas cidades, nos barrios, nas prazas, nos espazos máis achegados. As cidades estamos a organizarnos para dar respostas, agora que os estados en Europa son estados fallidos, nos que hai recursos para as grandes infraestruturas, pero non para axudar ás familias que pasan fame. E nos que se gastan cartos en blindar ás fronteiras, mentres milleiros de persoas morren fronte ás nosas costas”, afirmou Ada Colau.

A alcaldesa de Barcelona lembrou que “están pasando cousas inauditas, como que hoxe nos atopemos aquí oito cidades, recoñecendo e respectando a diversidades do Estado, algo que o PP e o PSOE nunca foron quen de facer”. E, para concluír, lembrou que “todas estas politicas que comentamos están en xogo o 20 de decembro. Xa demostramos que podemos, agora é o momento de levar esta marea ás eleccións xerais. Desde a diversidade, xuntémonos e deixemos claro que si se pode”.

Martiño Noriega: “Aprendemos a tecer rede, a cooperar, a facer irmandade”


A continuación, Martiño Noriega, alcalde de Santiago, asegurou que “nestes meses aprendemos a tecer rede, a cooperar e non a competir, a facer irmandade, como fixeron hai moitos anos as irmandades da fala. Esa é a fórmula, non a que eles teñen”.

“Eles falaban de beneficencia e nós dixemos políticas sociais e dignidade. Dicían relixión institucional e nos dixemos laicidade. Dixeron todo vale, e nos dixemos honestidade”, afirmou o rexedor compostelán. E engadiu que “fomos a un proceso electoral, con todo en contra, e xogamos en campo embarrado e con arbitro comprado, e gañamos. E eles senten como se alguén lles entrase na casa a roubarlles o lugar que ocupaban. Pero non imos pedir perdón por ter gañadas as eleccións. Non imos perder o sorriso nin o rock ‘n roll. A fórmula é máis marea, máis marea para mollar os pes dos tristes e deixar limpa a praia cando marchen”.

En referencia ás declaracións que Alfonso Rueda fixo á Cadena SER, Noriega sinalou que “hoxe falou o señor das tebras, o vicepresidente da Xunta. Dixo que este acto estaba a ser pagado con fondos públicos para facerlle un mitin a Íñigo Errejón. Non dixo que estes homes e mulleres que están hoxe aquí representan a oito millóns de persoas, e merecen ser recibidos dignamente. Non dixo que cada concello pagou o seu desprazamento, nin que nos movemos en transporte público. E esqueceu sinalar que a Marea Atlántica pagou cos seus fondos este acto en Palexco. Pensa o ladrón que todos son da súa condición”, sinalou.

Joán Ribó: ” Sumando cambio aprendemos os uns dos outros”


Pola súa banda, Joan Ribó, rexedor de Valencia, afirmou que as plataformas cidadás que se presentaron ás municipais observaron “unhas institucións que se mantiñan lonxanas, e decidimos plantarnos. Abonda de opacidade, de corruptelas, de partidismos, de democracia de baixa intensidade”. Pero lembrou que “isto foi só o comezo, os concellos do cambio real estamos dispostos a compartir sinerxias. Sumando cambio aprendemos os uns dos outros, porque nada disto tería sentido se nos perderamos en discursos”.

“Apostamos por unha mobilidade sustentable, cambiamos o gran negocio especulativo porque a xente ten dereito á súa propia cidade. Estamos decididos a levar o cambio ás leis do Estado, para garantir que as persoas poidan vivir en dignidade, unha educación pública de calidade, unha sanidade na que caibamos todos, que teñamos dereito a vivir baixo un teito que nos acubille. É o momento, e temos o compromiso de levalo a cabo”, concluíu Joan Ribó.

Kichi: “Estamos contra as bombas, as que se amarran nun cinto e as que se tiran dende o aire”


José María González, Kichi, “gaditano de pai galego”, centrou o seu discurso en dicir “non” aos bombardeos en Siria e a todas as guerras, porque “os dereitos hai que defendelos, pero como os defendemos? Eles falan de vinganza, de destrución. Nós falamos de combater ao verdadeiro inimigo, a ignorancia e a fame. Estamos contra as bombas, as que se amarran nun cinto e as que se tiran dende o aire. Eles queren defender as bandeiras, e nós, os dereitos.”.

Por iso, asegurou que “estamos creando democracia sustantiva nas nosas cidades e vilas, abrindo portas e ventás. Se non o facemos, ninguén o fará, porque os nosos soños son os seus pesadelos. Chamámonos David, porque todos eles chámanse Goliat, pola súa ambición, porque a súa fortaleza non é a intelixencia. O noso momento son as vindeiras eleccións xerais, o futuro vén atrás noso”.

Jorge Suárez: “O 20 de decembro a xanela do cambio ten que seguir aberta”


Falou de seguido Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, “unha cidade onde 4.000 persoas non reciben prestación, 9.000 casas están baleiras e hai xente na rúa. Nas municipais a xente dixo basta, dixo que había que acabar con este réxime, que é unha ditadura”. Lembrou que cando chegou ao concello, “atopamos que o lixo a auga, a atención ao domicilio e moitas outras cousas están entregadas a Florentino Pérez, o alcalde de facto de Ferrol. E agora nós, uns pobres, estamos loitando cos grandes bufetes de Madrid para remunicipalizar todos os servizos”.

Para o rexedor ferrolán, “desde a credibilidade de quen estivo sempre na rúa, digo e dixen que eu non vou xestionar o Concello coma un consello de administración. Gobernamos coa xente, con vós. Estamos coas familias que pasan fame e frío, mentres outros o negan”. E fixo un chamamento para que “o 20 de decembro a xanela do cambio siga aberta, porque os concellos agora estamos sós, loitando contra Montoro e as súas leis que non nos deixan destinar cartos aos servizos sociais máis esenciais”.

Rita Maestre: “Nas institucións ten que entrar a xente normal, a xente do común”


Rita Maestre, voceira do goberno municipal de Madrid, asegurou que “ao chegar aos concellos, tivemos que poñernos a cousas que semellan de sentido común. Unha delas é non roubar, nin usar o público para se enriquecer, nin para enriquecer aos amigos. Semella o normal, pero no concello de Madrid non se estaban a comportar coma xente normal, senón coma persoas cun séquito”.

Por iso, insistiu en que “os políticos non poden ser os únicos que teñan o privilexio da política, como quere Rajoy. Crearon o mito de que eles son os únicos bos xestores, pero é falso.  Nas institucións ten que entrar a xente normal, a xente do común, os que entramos a gobernar nas cidades despois do 24 de maio. Os que entendemos a política coma unha fase da nosa vida, que asumimos con responsabilidade, pero da que non faremos a nosa profesión”. E concluíu coa afirmación de que “As persoas normais logramos cambiar as cidades, e din que as cidades van cambiar este país de países”.

Pedro Santisteve: “Compartimos a indignación, fixemos que o medo cambiara de bando”


Pedro Santisteve, alcalde de Zaragoza, lembrou que a rede das cidades rebeldes comezou a tecerse o 6 de maio en Madrid, “nun acto no que Ada Colau dixo que tiñamos que loitar contra as paixóns tristes, e niso estamos. Compartimos a indignación, fixemos que o medo cambiara de bando. Démonos forza mutuamente, e iso permitiunos abrir as cidades para comezar a celebrar a vida”.

Porén, Santisteve criticou que “nestas semanas estánse a pechar as fronteiras que nos separan e os medios só distribúen pánico”. Lembrou a loita do pobo kurdo en Siria, “mentres en Europa estamos a pasar do neoliberalismo da crise ao neoliberalismo das guerras”. Ante esta situación, fixo un chamamento a reforzar a Rede de Cidades Refuxio, e a “articular a diversidade, asumindo os lazos de interdependencia. Hoxe, máis ca nunca, vemos que non hai máis refuxio que a solidariedade que sostén a vida”.

Encontro das Cidades polo Ben Común

O encontro foi unha continuación do que se celebrou en Barcelona en setembro, e serviu para profundar nas redes de colaboración entre as cidades rebeldes. Nestes días, e en paralelo á axenda institucional dos representantes municipais, municipais, plataformas cidadás de todo o Estado participaron en varios grupos de traballo para poñer en común as súas experiencias, compartir ideas e traballar desde a colaboración.

Entre onte, venres, e hoxe, sábado, celebráronse no local da Marea Atlántica, na Coruña catro mesas redondas de debate sobre a a situación das mareas cidadás tras as eleccións municipais, sobre a xestión participativa e as relacións cos grupos de goberno, e sobre a relación das plataformas municipalistas entre si e con outros movementos sociais do seu entorno.

Nesta cita participaron as candidaturas cidadás Ferrol en Común, Compostela Aberta, Ames Novo, Ourense en Común, Somos Uvieu, Participa Sevilla, Barcelona en Comú, Ahora Madrid, Ahora Ciempozuelos, Zaragoza en Común e Pamplona en Común, xunto á propia Marea Atlántica. As principais conclusións foron que o 24 de maio foi só o principio, e que queda moito por traballar para conseguir que o cambio chegue a todas as institucións e ao conxunto da sociedade. O xeito de conseguilo é a colaboración na procura dun desexo común.

Have your say