Deputación

A Deputación aproba unha moción da Marea e Compostela Aberta en favor das refuxiadas

A Deputación da Coruña aprobou unha moción conxunta dos grupos provinciais da Marea Atlántica e de Compostela Aberta, sobre a crise humanitaria relacionada cos refuxiados e refuxiadas na conca Mediterránea que están a solicitar asilo na Unión Europea. Deste xeito, a institución provincial comprométese a implicarse de xeito activo na creación dunha rede de municipios de acollida que permita canalizar a iniciativa cidadá de apoio aos refuxiados. Tamén se reclama a habilitación de partidas económicas para axudar a aqueles concellos da provincia que acollan refuxiados no seu territorio.

Para a Marea Atlántica e Compostela Aberta,  é imprescindible dar cumprimento á Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que recolle o dereito de asilo para as persoas desprazadas. Cómpre ter en conta que se trata dunha crise provocada por un conflicto bélico, polo que é preciso buscar solucións diplomáticas e, namentres, ofrecer posibilidades de reasentamento ás persoas desprazadas.

Ademais, nesta moción avógase por impulsar no seo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -do que é socia a Deputación- o establecemento doutras liñas de traballo e colaboración cos concellos para facilitar o acollemento das persoas desprazadas pola guerra.

Finalmente, ínstase ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a que asuman as súas responsabilidades nesta crise humanitaria. A Marea e CA consideran imprescindible que o Executivo do Estado mude a súa postura ao respecto desta cuestión, e que promova un xiro nas políticas de asilo da Unión Europea. Así, coidan que o Goberno central debe rachar co coñecido como Protocolo de Dublín, que impide ás persoas desprazadas presentar solicitudes de asilo en máis dun país da UE ao mesmo tempo.

Have your say