Saltar ao contido

Mantéñense a maioría das prioridades do goberno municipal: políticas sociais, emprego e  vivenda, loita pola igualdade, defensa do medio ambiente e mobilidade sostible

Porén, a teima do PP e do PSOE de bloquear a participación cidadá deixa esta área baixo mínimos, cun 40% menos cartos que no proxecto inicial

Desde hoxe, a cidade da Coruña ten uns orzamentos con sentidiño. O pleno municipal aprobou  un proxecto que cumpre todos os requirimentos legais, baséase en estimacións realistas e permitirá sacar adiante as políticas que a Marea Atlántica anunciara no seu programa electoral. Medidas como a Renda Social Municipal, os plans de hábitat digno e de loita contra a violencia de xénero, o redeseño das liñas de autobús ou a eliminación das verteduras á Ría do Burgo poderán, por fin, saír adiante.

Non son as contas que desexaría o executivo municipal, xa que os cambios introducidos polo PP e o PSOE deixan moi desatendida a area de participación cidadá. Pero son moito mellores que os presupostos irregulares e descadrados que saíron do pleno do 30 de marzo, logo do emendazo pactado por socialistas e populares. Daquela, pensaron só en bloquear a acción do grupo de goberno, e a piques estiveron de deixar varias áreas sen cartos para funcionar. Por sorte, recapacitaron e hoxe permitiron co seu voto qu estes orzamentos saísen adiante.

E, desde logo, estes orzamentos son moito mellores que os orzamentos prorrogados do PP cos que o Concello estaba a funcionar ata agora. Pensan na xente, non nas obras faraónicas e a enxeñaría financeira.

 

Ingresos realistas

Os orzamentos municipais da Coruña para 2016 prevén uns ingresos totais de 244,5 millóns de euros, un 2,98% menos que en 2015. A redución débese a que desta vez os cálculos se fixeron desde o realismo e a prudencia, en lugar de traballar con previsións inchadas que nunca se cumprían e que só servían para aumentar o endebedamento cos bancos.

Tres dos catro grandes eixos nos que o goberno municipal basea as súas políticas saen reforzados con respecto ao ano anterior. A triste excepción é a área de participación cidadá, que o PP e o PSOE deixaron con menos fondos que en anos anteriores. Non queren que a veciñanza teña voz en María Pita. Prefiren que fique caladiña.

 

Cidade das Persoas: 40,5 millóns de euros

cidadepersoasAs persoas, como non podía ser doutro xeito, son o principal para o goberno da Marea Atlántica. Neste eixo, inclúense as actuacións en materia de vivenda, emprego e promoción económica, educación, servizos sociais, e igualdade e diversidade. Está dotado con 40,5 millóns de euros, case un 20% máis que no 2015 (+6,6 millóns).

Grazas a estes recursos, poderase poñer en marcha a Renda Social Municipal -que beneficiará a entre 500 e 1.000 familias-, as axudas de emerxencia social, o Plan de Emprego ou o futuro Plan de Inclusión Social. Tamén se sosterá o firme compromiso coas políticas de Igualdade e Diversidade, que reciben un impulso sen precedentes na historia do Concello, cunha estratexia integral contra as violencias machistas e a elaboración dun Plan Municipal de Prevención e Repulsa da Violencia de Xénero.

 

Cidade Sostible: 59 millóns de euros

cidadesostibleO compromiso co medio ambiente e a mobilidade sostible queda ben claro tamén nos orzamentos que serán aprobados hoxe. As actuacións conxuntas nestas áreas suman 59 millóns de euros, un 5,98% máis respecto do exercicio anterior (+3,3 millóns).
Dáselle un importante pulo ás actuacións en materia de saneamento, compartidas polas concellarías de Medio Ambiente e Rexeneración Urbana, coa finalidade de erradicar verteduras á Ría do Burgo e restaurar áreas degradadas na nosa contorna.

E, no eido da mobilidade, a prioridade é fomentar o transporte público e sostible, co redeseño das liñas de autobús urbano, a procura de alternativas á Tarxeta Millennium, e a implantación de novas rutas de carril bici. Tamén se recuperará e actualizará o Plan de Mobilidade e Espazo Público.

 

Cidade Viva: 27,3 millóns de euros

cidadesviva

 

A Coruña é unha cidade viva, culturalmente activa e implicada na práctica do deporte. Para conservar e reforzar este carácter, os orzamentos destinan 27,3 millóns de euros, un 14% máis que o ano anterior. (+3,4 millóns)

O Goberno deixa patente o seu compromiso coa música e coa Orquestra Sinfónica de Galicia, coa maior achega municipal da historia ao Consorcio para a Promoción da Musica. É de agardar que sirva de exemplo para outras administracións implicadas nel, que nos últimos años veñen reducindo a súa achega.

 

 

Cidade Aberta e Participativa: 1,2 millóns

cidade_abertaO goberno municipal deseñara uns orzamentos que permitisen avanzar nun novo xeito de facer política, desenvolvendo as ferramentas necesarias para que a cidadanía teña parte na toma de decisións. Porén, como xa se dixo, esta área é a que máis afectada se ve polas emendas de PP e PSOE, que non gustan de que a veciñanza xogue un papel máis activo.

A área de participación cidadá non só se ve reducida case un 40% con respecto ao proxecto inicial presentado polo goberno, senón que queda incluso por debaixo das cifras que manexou o equipo de Carlos Negreira en 2015. Fica con 1,2 millóns de euros, un 9,5% menos que no exercicio anterior (-128.000 euros).

Porén, non se vai renunciar ao obxectivo de darlle voz á xente na xestión do concello, e faranse os esforzos necesarios para mantelo. Esta mesma semana anunciaranse as actuacións que farán dos orzamentos de 2017 os primeiros orzamentos participativos desta cidade.

 

Redución dos gastos financeros

Cómpre destacar, tamén, que as contar para 2016 contemplan unha redución significativa dos gastos financeiros do Concello, derivados do refinanciamento da débeda que o goberno municipal puxo en marcha este ano.

Así, o pago de intereses e a amortización da débeda suporán uns 10,4 millóns de euros, case un 32% menos que o ano anterior (-4,9 millóns). É un axuste moi necesario na nosa cidade, a máis endebedada de Galicia, unha situación que o goberno municipal traballa para corrixir.

A Coruña xa ten uns orzamentos para a xente