Saltar ao contido

A Marea Atlántica apioia a convocatoria do Foro Galego da Inmigración para que a nosa cidade se una á Marcha Europea polos dereitos das refuxiadas que terá lugar o 27 de febreiro en todo o continente

Os detalles decidiranse o 12 de febreiro, nunha xuntanza aberta a todas as persoas e organizacións interesadas

A Rede da Marea Atlántica acordou onte que a plataforma municipalista se implique activamente na iniciativa #PasaxeSegura, que traballa en toda Europa para esixir dignidade e un trato xusto ás refuxiadas e migrantes. Deste xeito, a Marea participará na convocatoria do Foro Galego da Inmigración para organizar na coruña unha concentración en defensa dos dereitos destas persoas, convocada en todo o continente para o 27 de febreiro. O venres día 12 deste mes, ás 19.30, no Centro Cívico da Cidade Vella haberá unha reunión aberta para planificar o evento.

Desde a MA facémonos eco da chamada do Foro Galego da Inmigración á participación de todas as persoas e colectivos a acudir o vindeiro venres á Cidade Vella e sumar a súa voz á convocatoria. A Coruña, que xa se declarou Cidade Refuxio en setembro de 2015, segue e seguirá a loitar para que Europa sexa un continente de acollida e non de valados e arames de espiño. Contra a barbarie, unha #Pasaxe Segura.

Plan B para Europa

Rede 4fNesta Rede e na mesma liña, as e os mareantes tamén decidiron que a Marea Atlántica se sume de xeito colectivo ao chamamento do Plan B para Europa, para construír un espazo de converxencia europeo contra a austeridade e unha verdadeira democracia continental. Resposta así ao chamamento á unidade contra o rexime de crise da UE, baseado na austeridade, a privatización do ben común e a destrución dos dereitos sociais e laborais. O chamamento xa foi asinado a titulo persoal polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e diversas persoas da Marea. Outra Europa é posible, pero só se a facemos entre todas.

Ademais, durante xuntanza do órgano decisorio, informouse dos resultados do Encontro de Mareas celebrado o 31 de xaneiro na Pobra do Caramiñal, no que se acordou a creación dos primeiros grupos de traballo para profundar no debate sobre un proceso de confluencia para as eleccións autonómicas. Fíxose unha avaliación moi positiva, e lembrouse que o obxectivo é levar a Monte Pío un goberno que faga políticas pensando nas persoas, non nas portas xiratorias.

E, finalmente, analizouse a iniciativa de participación #DilloTi, que o goberno municipal da Coruña puxo en marcha o sábado 30 de xaneiro, no Centro Cívico de San Diego, para ter contacto directo coa veciñanza. As persoas asistentes á Rede valoraron moi ben o primeiro encontro, e lembraron que nunca antes o Concello rendera contas deste xeito, cara a cara coa xente, en público e sen intermediarios. A seguinte cita será o 27 de febreiro, en Palavea.

A Coruña, #PasaxeSegura