Novas da Marea

_DSC0045

A confluencia mantense con forza na Coruña

Representantes locais de Anova, Podemos, Esquerda Unida e Espazo-Equo renovaron onte a súa aposta pola Marea Atlántica, nunha xuntanza con persoas do goberno municipal e do grupo de traballo de Apertura

A confluencia na que se baseou a candidatura da Marea Atlántica ás eleccións municipais de 2015 segue firme un ano despois. Neste 14 de xuño, celebrouse unha xuntanza na que os partidos que apoian á plataforma cidadá renovaron a súa aposta pola unidade e valoraron positivamente os resultados, que permitiron recuperar o goberno da Coruña para a xente común.

Ao encontro asistiu o alcalde, Xulio Ferreiro, xunto a outras concelleiras e concelleiros do grupo municipal, representantes das executivas locais de Anova, Podemos, Esquerda Unida e os recentemente fusionados Espazo-Equo, e persoas do Grupo de Apertura da Marea Atlántica. Nas conversas ficou claro que os partidos consideran un acerto a súa participación na confluencia, que neste tempo demostrou que é posible traballar desde a cooperación e o entendemento na procura dun obxectivo común: defender os intereses da maioría social. As metodoloxías participativas e a horizontalidade na toma de decisións son a base do éxito deste proceso.

Destacouse, especialmente, a capacidade de funcionar desde o respecto á diversidade de opinións pero sen as tensións que ás veces paralizan ás coalicións clásicas. Neste sentido, o goberno municipal da Coruña é un exemplo dun equipo unido, no que non existen diferenzas derivadas da adscrición partidaria. O mesmo sucede na Rede da Marea Atlántica, o noso órgano de toma de decisións, escóitanse distintas voces e puntos de vista, pero sempre co consenso e o ben común como eixos da toma de decisións.

Na Marea Atlántica a confluencia non suma, multiplica. A colaboración honesta e o entendemento das forzas políticas que defenden o cambio e se opoñen ao saqueo do ben común non só é posible, é o camiño a seguir se queremos recuperar ás institucións públicas e poñelas ao servizo da cidadanía, como se ten demostrado na Coruña e en moitas outras candidaturas municipalistas de Galicia e do Estado.

 

Have your say