Saltar ao contido

A moción presentada polas tres candidaturas municipalistasfoi asumida por todos os grupos provinciais. Converterase nunha Declaración Institucional da Deputación da Coruña

O texto sinala que o tren de cercanías é fundamental para unha mobilidade sostible, e recolle o espírito da Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña, asinada en Ferrol por nove concellos o pasado 20 de marzo

 

Os grupos provinciais da Marea Atlántica e Compostela Aberta, co apoio de Ferrol en Común, presentaron na Deputación da Coruña unha moción en defensa dun tren de proximidade digno entre A Coruña e Ferrol. A iniciativa foi asumida por todos os grupos provinciais, e será levada ao pleno do venres 31 de marzo como Declaración Institucional. Nela, pídese o apoio á Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña asinada no Concello de Ferrol o o 20 de marzo. E ínstase á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Fomento a tomar medidas para corrixir o histórico atraso desta liña de cercanías.

A moción sinala que mentres as tarifas da peaxe da AP9 “foron e son reiteradamente denunciados polos milleiros de usuarios e usuarias que a percorren cada día”, o tren de proximidade é unha alternativa económica, sostible, válida para persoas e mercadorías. Por todo iso, e por “tratarse dunha débeda histórica”, a mellora do tren A Coruña – Ferrol “debería ser prioritaria”.

 

Medidas a curto prazo

  • Incremento de frecuencias para facer compatible o tren cos horarios laborais e estudantís.
  • Mellora das estacións intermedias en materia de accesibilidade, e permitir a combinación cos servizos de FEVE e autobús.
  • Fomento do uso do ferrocarril, con bonificacións e descontos nos billetes para facer máis atractivo o servizo, fronte aos elevados prezos do bus e as peaxes.
  • Inclusión do tren no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta, que agora só atende aos autobuses. Isto permitiría introducir os descontos sinalados no punto anterior.
  • Melloras na infraestrutura para reducir o tempos de viaxe. Resulta especialmente urxente eliminar o bypass de Betanzos.

Ademais, a moción esixe, a medio prazo, a adecuación da liña a un tren de proximidade digno, que non deixe á comarca de Ferrolterra marxinada do Eixo Atlántico. Este deseño dun ferrocarril axeitado entre A Coruña e Ferrol estivo recollido nun convenio da Xunta o Ministerio de Fomento asinado no ano 2000, que nunca se cumpriu. Suporía un investimento de 500 millóns de euros para lograr un traxecto de 25 minutos sen paradas entre as dúas cidades.

 

Sen tren de cercanías non hai mobilidade sostible

Esta iniciativa recolle os acordos da Declaración Institucional polo Eixo Ferroviario Ferrol -A Coruña asinada no Concello de Ferrol o o 20 de marzo, por 9 municipios, as dúas deputadas provinciais de En Marea pola Coruña (Yolanda Díaz e Antón Gómez Reino) e o senador do PSOE, Ángel Mato. Tamén reflicte o espírito da Proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o 15 de marzo, que reclama melloras urxentes nesta liña ferroviaria.

A mobilidade sostible non se entende hoxe sen un tren de proximidade eficiente, por iso a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común procuran defendelo cun acordo na Deputación Provincial.

Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común defenden na Deputación a mellora do tren A Coruña-Ferrol