Concello

Sin título-1

O albergue de baixa esixencia comezará a funcionar este trimestre en Monte Alto

Permitirá aloxar ata a 15 persoas para evitar que durman na rúa, e ofreceralles comida, seguridade e información sobre os recursos dos servizos sociais

Fronte a interpretacións interesadas e anecdóticas, o goberno municipal destina máis de 27 millóns de euros ás políticas sociais, o maior investimento da historia do Concello da Coruña

 

Antes de que chegue o mes de abril, estará operativo o programa municipal para as persoas que dormen na rúa. Porase en marcha un espazo de baixa esixencia no Centro Cívico de Monte Alto, onde poderán pasar a noite nun lugar seguro, tomar unha comida quente e recibir información e orientación sobre outros servizos de axuda contra a exclusión social. Estará aberto todos os días do ano, de nove da noite a oito da mañá, e terá espazo para 15 usuarias.

Os trámites administrativos están xa moi avanzados, e as obras no local comezarán de xeito inminente. O persoal desde albergue tamén traballará na rúa, para darlle apoio ás persoas que se beneficien do programa e colaborará con outros equipos da Concellería de Xustiza Social e do Servizo Municipal de Atención ás Urxencias Sociais (Semus). A dos sen teito é sempre unha situación complexa, e que require actuacións desde moitas perspectivas. Nin pode nin debe frivolizarse.

 

Esforzo constante contra a exclusión social

Como asegurou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, “é só un dos moitos recursos impulsados desde o Concello para dar cobertura a todas aquelas persoas que se atopan sen fogar, con especial atención a aquelas con maior risco de vulnerabilidade ou en situación de desarraigo”.

Outro exemplo deste compromiso con quen peor o está a pasar é o Dispositivo de Frío que, en colaboración coa Cruz Vermella e coa ONG Accem, actúa nos meses de temperaturas baixas, para que persoas en situación de especial vulnerabilidade teñan un aloxamento e non estean expostas ao máis duro do inverno. Lembremos que noutros anos, o frío foi causa de mortes na rúa.

 

Un eixo nos Orzamentos 2017

Silvia CameánMáis actuacións? O Servizo de Atención Inmediata nos servizos sociais, que permitiu reducir a lista de espera a cousa de días — cando no goberno do PP era de seis meses—, ou a Renda Social Municipal, un programa pioneiro que comeza a cubrir as necesidades básicas das persoas en risco de exclusión. Ou as bolsas comedor, que permiten que ningunha nena ou neno pase fame nos colexios públicos. Ou o servizo de axuda a domicilio, que atende ás persoas dependentes no seu fogar.

Tal e como lembrou Silvia Cameán, “o dereito a unha vida digna é unha das liñas estratéxicas dos Orzamentos 2017, que inclúe 27,14 millóns para políticas sociais, unha cifra histórica. Supón 3% máis que o ano pasado, cando esta área tivo un crecemento sen precedentes nas contas municipais. É suficiente? Non, por suposto. Nin o Concello da Coruña, nin ningunha outra administración pode rematar por si so coa exclusión social. Pero o goberno municipal está empregar todos os recursos dispoñibles para combatela.

 

Compromiso serio fronte as mentiras e manipulacións

Neste listado non hai ningún programa para poñer á xente a durmir baixo as pontes da avenida da Vedra. Porque non existe, fronte a que algúns sectores tentan transmitir de forma interesada, manipulando un estudo externo para a humanización do vial. Un estudo valioso, pero que non forma parte da política social do Concello, en ningún caso.

O informe en cuestión foi redactado logo dun concurso público aberto, e pode consultarse na web municipal. Lonxe de lecturas parciais, o que sinala o texto é a recomendación de reparar os viadutos da actual Alfonso Molina, dentro do proxecto para humanizala. Unha proposta sensata que o colectivo Ergosfera contextualizou moi claramente.

Insistimos, por se acaso. Non, ningún proxecto social do goberno da Coruña pretende poñer a durmir baixo ás pontes ás persoas sen recursos. Ante todo, sentidiño e non acreditar nos mundos paralelos.

Have your say