Saltar ao contido

A Marea Atlántica defende hoxe, no Pleno do Concello da Coruña, unha moción en apoio á iniciativa das Marchas, que denunciarán os brutais recortes nas prensións

 

As Marchas da Dignidade, un movemento social que suma a máis de sesenta organizacións en Galicia, convoca unha manifestación para o sábado 25 de febreiro, na cidade da Coruña. O lema desta concentración será “coas nosas pensións non se negocia”, e terá o obxectivo de denunciar os recortes que están a deixar sen recursos a moitas persoas maiores e a moitas familias, en todo o Estado.

A Marea Atlántica, que desde os seus comezos se integra nas Marchas da Dignidade, defenderá hoxe no pleno ordinario do Concello da Coruña unha moción que procura o apoio do Concello da Coruña para a manifestación do 25 de febreiro.

Tal e como di o texto da moción, “somos conscientes da situación dramática que están a padecer as persoas maiores que dependen dunha pensión para subsistir despois de toda unha vida de traballo. Dada a situación dramática de moitas familias, a pensión é o único sustento que teñen para poder sobrevivir cunhas mínimas condicións. Estamos vendo como se poñen en perigo con medidas impostas desde organismos antidemocráticos como o FMI eo Banco Mundial a través da Troika Europea”.

 

As pensións son un dereito, non un privilexio

Estas medidas teñen como único obxectivo favorecer ás entidades que ofrecen plans de pensións privados. “E lembremos que as pensións non son un privilexio, son un dereito irrenunciable”, engade a moción das Marchas.

As Marchas da Dignidade son un colectivo no que están representadas máis de 300 organizacións sociais, sindicais e políticas de todo o Estado, baixo o lema “pan, traballo e teito”. Levan tres anos convocando manifestacións e actos reivindicativos en defensa dos servizos públicos e dos intereses da maioría social. Súa foi a manifestación que reuniu a máis dun millón de persoas en Madrid en marzo de 2014.

O 25 de febreiro, manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña