Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “Negreira oculta que o resultado económico de 2014 foi o peor da historia recente do Concello”  

 “Negreira non sabe xestionar o municipio nin tampouco ofrece solucións para o desemprego e a pobreza que se padece na Coruña”, afirma o candidato da Marea Atlántica
Ferreiro denuncia que “o goberno local deixa sen executar 5 millóns de euros na área de protección e promoción social a pesar da crise que, por exemplo, condena a máis de 22.000 coruñeses ao paro ”

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xulio Ferreiro, asegura que “o resultado económico do Concello en 2014 foi o peor da historia recente”, algo que “o goberno local do señor Negreira oculta de forma intencionada á vez que utiliza recursos públicos para facer campaña electoral”. Segundo o cabeza de lista da Marea, “o Remanente Líquido de Tesourería para Gastos Xerais, o resultado máis relevante a nivel orzamentario, presenta o peor dato dos últimos anos. Os 7,24 millóns de euros do 2014 supoñen algo menos da metade do que había no primeiro ano de xestión de goberno do PP, o 2012, cando ascendía a 15,74 millóns”.

 

grafica

 

“Estamos ante o peor resultado económico da historia recente do Concello. Isto demostra que o señor Negreira non só non é capaz de arranxar os graves problemas de paro, pobreza e desigualdade que padecen coruñeses e coruñesas, senón que tampouco sabe xestionar o municipio”, afirma Ferreiro, quen pon sobre a mesa datos oficiais da liquidación dos orzamentos de 2014 para amosar “ás claras” os problemas económicos do Concello: “Os fondos líquidos (18,5 millóns), isto é, o saldo de liquidez do Concello ao remate do ano pasado, están baixo mínimos, os menores dos últimos tempos, e as obrigas pendentes de pago (26,6 millóns) medran respecto ao ano 2013. Ademais, a todo isto hai que sumarlle as facturas que o goberno local agocha no caixón, pendentes de incorporar ao orzamento e que suman un total de 4,6 millóns de euros”.

Así mesmo, indica o candidato da Marea, “o aforro neto, que avalía a capacidade de financiamento do Concello con recursos propios, reduciuse tamén, e a débeda nominal, 74,14 millóns, mantense en niveis superiores aos que atopou Negreira ao entrar en María Pita, o que demostra que a austeridade que defende o PP da man dos poderes económicos só se aplica ás maiorías sociais que padecen a crise, por iso hai cartos para construtoras e non para a xente”.

Por último, Xulio Ferreiro considera “impresentable que nunha situación de crise económica o goberno local deixe sen executar 5 millóns de euros na área de protección e promoción social”. “Ao goberno dunha cidade con 22.274 persoas desempregadas (a metade delas sen prestación) non poden sobrarlle 1,3 millóns de euros en promoción de emprego, programa do que só se executou a terceira parte (33,6%) do orzamentado”, apunta.

2014: o peor resultado económico dos últimos anos